Luís Villares: «En Marea é a única forza progresista galega que non ten as mans atadas»

GALICIA

Pensa que non é posible reconstruír o espazo rupturista: «Hai decisións tomadas en Madrid que o impiden»
01 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A enquisa de Sondaxe non lle dá representación a En Marea de cara as autonómicas. Aínda así, Villares asegura que se van presentar, «en solitario ou con acordos preelectorais ou poselectorais».
-Que lle leva a presentarse malia os malos augurios das enquisas?
-As enquisas apuntan tendencias e desde o último resultado electoral estamos máis que duplicando a intención de voto. Hai unha remontada evidente que se sustenta nun magnífico traballo na rúa e no Parlamento, e a xente o está vendo. Un exemplo: promovemos o debate da despenalización da eutanasia e o PP gañou a votación, pero nós gañamos o debate. A xente venos como actores necesarios.
-Non corren o risco de confundirse con BNG?
-Hai unha parte do noso discurso que coincide co do Bloque pero é máis amplo que o do Bloque, porque o soberanismo é máis amplo que o nacionalismo. Aspiramos a un universo máis extenso que o do BNG, que é moi necesario, pero nós queremos abranguer franxas maiores.
-Houbo conversas co BNG?
-Para as xerais houbo conversas con todas as forzas soberanistas galegas, pero non fraguaron. Nós decidimos que o noso proxecto ten vontade de sobrevivir de forma soberana e iso implica ir ás eleccións. Fixemos unha chamada moi ampla para unir forzas e seguimos abertos a iso.
-Ao Bloque cústalle falar coas forzas que marcharon do Bloque?
-En Marea non marchou do Bloque, non somos unha escisión do BNG. O noso proxecto tamén seduciu no seu día á parte máis soberanista do PSOE e pode seducila de novo. Nós queremos movernos nesas coordenadas.
-Ese desacordo non pode poñer en risco a maioría que lle pode arrebatar a Xunta ao PP?
-Iso debería facernos reflexionar colectivamente. A unha organización política non se lle pode pedir nin que se disolva nin que non se presente ás eleccións, pero o que se si se lle pode pedir é capacidade de diálogo, e nós témola, e sen complexos. A reflexión compartida de todas as forzas progresistas galegas é o deber de dialogar. A nosa achega colaborativa con outras formacións políticas tería froitos definitivos.
-Como?
-Un 3 % de votos por libre non acada representación, pero sumado a outra forza pode converter ese proxecto colectivo na chave da derrota da dereita.
-E se lle ofreceran a vostede ir nas listas do Bloque?
-A miña achega individual non é relevante, se eu represento algo é como transmisor dunha idea que é a do proxecto de En Marea, así que calquera acordo será colectivo, con En Marea como actor político.
-Que lectura fai da reaparición dos exalcaldes das mareas?
-Eu vin simplemente unha reunión de traballo entre xente de varias cidades. Estamos a falar dunhas eleccións autonómicas que requiren proxectos serios para Galicia. O municipalismo está ben pero para unhas eleccións galegas fai falla un proxecto nacional sólido como o que ofrece En Marea.
-Non é posible reconstruír a En Marea do 2016?
-Non. Hai decisións tomadas en Madrid que o impiden.
-Cre que Podemos está a subestimar a Anova como fixo antes con En Marea?
-Podemos só quere a Anova para unha cousa, para darlle un verniz galeguista a un proxecto que a xente sabe que non ten carácter autonomista.
-Por que é necesario que se presente En Marea?
-Porque é a única forza progresista que non ten as mans atadas. O PSOE e Podemos están atados por unha coalición co apoio do BNG e no seu discurso político son presos deses acordos. Nós non, somos unha forza soberana. Temos as mans libres para falar alto e claro de dereitos sociais, de plurinacionalidade e de dereitos democráticos, e non facemos concesións.
-Pagaron a pena os desgustos e as leas destes tres anos?
-Desde o punto de vista persoal recoñezo que pasei malos momentos, moi malos momentos, pero o balance é positivo porque defender uns ideais e representar aos teus cidadáns é un honor, e ter a oportunidade de ser a voz de quen non pode levantala, si paga a pena. Eu son un optimista impenitente.