Fefa Noia «Teño moita curiosidade»

GALICIA

xoan a. soler

A dramaturga e directora adxunta do Centro Dramático Nacional, admite que ser nai cambioulle a vida e que o seu estado natural é a morriña

26 feb 2020 . Actualizado a las 18:39 h.

Fefa Noia (Santiago, 1974) fala moito e ten discurso. Despois duns anos á fronte do Centro Dramático Galego, deu o salto a Madrid para integrarse no equipo directivo do Centro Dramático Nacional (CDN). Fefa, logo, está dividida en dous proxectos: o do CDN e outro que ten 4 anos e que lle dá, di, a mesma felicidade dende o día que naceu: seu fillo.

-Antes que nada: por que Fefa?

-Ninguén o sabe con certeza pero a teoría máis estendida é que ven da forma de chamar ás Josefas en Cuba. A miña avoa Alicia viviu moitos anos en Cuba.

-Xa está de volta en Madrid.

-Estiven vivindo dez anos en Madrid, logo en Roma, en California e logo fun a Santiago para dirixir o CDG. E, dende outubro, estou outra vez en Madrid. Profesionalmente estiven moito tempo fóra.

-Iso non quere dicir que sexa máis difícil facer teatro en Galicia... Non?

-Non, ha, ha. Pero tampouco que sexa doado. Facer teatro é difícil en todas partes. De feito penso que é máis difícil en Madrid por unha razón moi simple: somos máis. Estamos de todas partes de España. O problema é que en Galicia nos falta proxectarnos. De feito espero que dende o CDN podamos visibilizar algunhas persoas porque talento, temos moitísimo en Galicia.

-Xa non botará de menos o país.

-Si, claro que o boto de menos. Eu son de natureza morriñenta. Nunca deixo de ir a Galicia. Morrería se non puidese volver. Non me gusta dicilo demasiado, pero o que temos en Galicia é un tesouro; vívese moi ben alí. Considérome moi galega.

-Por que deixou o CDG?

-Foi unha decisión que xa estaba pautada. A min apetecíame moito pero sabía que ía ser moito esforzo e moi concentrado e que non podía dilatarme en exceso na dirección. As institucións públicas requiren este tipo de ritmos. Non se pode perpetuar ninguén.

-Agora está noutra institución pública.

-Foi unha coincidencia moi afortunada. Cando mo propuxeron, para min foi alucinante.

-A xente do seu sector sempre fala con reverencia do teatro, máis que do cine ou a televisión, pero vostedes son o irmán pobre: menos oferta, menos economía...

-Non estou de acordo. Hai moita oferta teatral o que pasa é que a xente non a ten incorporada no día a día, pero hai moito teatro e moi bo. O teatro mellora á xente, fai mellores persoas.

-Como se interesou vostede?

-Eu penso que é unha forma de ver a vida. É unha cuestión emocional. De pequena tiña unha querenza profunda a Marilyn Monroe. Con 7 anos, no que era entón o Instituto Feminino, fixen de lobo nunha representación de Carapuchiña, e fun sumando experiencias ata que estudei Filoloxía Alemana porque o que me interesaba era o teatro alemán. E fun alí a estudar.

-Vostede agora dirixe, ten a obra na cabeza...

-O teatro é un traballo en equipo que se fai coa suma de todos. Somos un grupo de sedutores que están permanentemente seducíndose. É unha cousa que sempre está viva onde cada noite ten que ser única.

-O que lle quería preguntar é se bota de menos a interpretación.

-Non, aínda que as veces si. Faría algo pequeniño, pero é verdade que co tempo foi crecendo a miña admiración aos actores, que están tan expostos, en exhibición permanente. Ben pensado, agora sería incapaz.

-Cambiou moito dende que é nai?

-Moitísimo. Hai grandes tópicos sobre a maternidade, pero son verdade. O primeiro é o paso do tempo, que produce ata un pouco de angustia. E outro é a felicidade absoluta que fai que relativices outros problemas.

-Celta ou Depor?

-Primeiro o Compos e logo o Celta.

-Imaxine que está nun cásting e ten que elixir a un malo. Preséntanse Pedro Sánchez, Casado, Iglesias e Arrimadas. Con quen se queda?

-Con Arrimadas. Non por ideoloxía, senón para darlle un papel protagonista a unha muller.

-Busque algunhas palabras que a definan.

-Teatro, dende logo. Amor podía ser outra, no sentido dos afectos. Eu teño síndrome de Dióxenes cos afectos. E a procedencia tamén é importante; os orixes, sentirte dun sitio.

-Que lle conta de Galicia a quen non a coñece?

-Eu non conto nada para que non nos invadan, ha, ha. Diría que Galicia é un lugar onde a xente ten moitísimo talento en todos os ámbitos e unha forma de ver a vida, de escoitala, con moitísima sabiduría.

-Que lle gusta facer cando non traballa?

-Montar en bici, correr, bailar, cantar, ler, viaxar, estar co fillo, saír cos amigos, tomar unhas cañas...

-Algunha vocación frustrada?

-Gústanme moito os idiomas, houbérame gustado ser intérprete na ONU. Tamén teño a vocación frustrada da medicina porque meus pais son médicos. E teño a fantasía de estudar filosofía. E do dereito. A verdade e que teño moita curiosidade.

-Dígame unha canción.

-A dónde irán los besos, de Víctor Manuel.

-Que é o máis importante na vida?

-O amor. Sen amor, nada. Con amor, todo.