O acordo das elites políticas que fixou os marcos de Galicia

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

La Voz

Mesa de debate: como se recuperou o autogoberno de Galicia. Tres persoeiros que viviron directamente o proceso polo que Galicia acadou o seu status político analizan aquel contexto histórico e os desafíos actuais. 

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O deseño do Estatuto de Galicia non se pode entender sen o contexto político e social do ano 1981 e un puñado de nomes propios, os galegos que o fixeron posible desde cargos electos e orgánicos ou os que foron testemuñas implicadas na axitada vida daqueles tempos. Xerardo Estévez, arquitecto, deputado socialista da primeira lexislatura autonómica (1981-1983) e alcalde de Santiago (1983-1998); Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea e exrector da Universidade de Santiago; e Xosé Luís Barreiro Rivas, exvicepresidente da Xunta, politicólogo, profesor da USC e un dos promotores dese estatuto, tiñan daquela 40 anos menos e un currículo máis modesto. Pero estiveron na primeira liña e manteñen vivo todo o proceso, que tivo máis impacto entre as elites políticas que nunha sociedade galega máis indiferente. Os tres recuperaron o vivido neses anos nunha mesa de debate en La Voz de Galicia.

O historiador Ramón Villares é o primeiro en analizar esa fría resposta dos galegos cando tocou validar o Estatuto. «O electorado estaba canso, e os partidos políticos eran desiguais na influencia na sociedade», relata. O académico refírese ao desaxuste existente entre o nivel de representación da Unión de Centro Democrático (UCD), con maioría galega nas Cortes «pero nun proceso de descomposición tan grande que era inviable que pilotase o proxecto». No Pacto do Hostal, a UCD «estivo á defensiva», lembra Villares, e esa debilidade aproveitárona Alianza Popular e formacións pequenas coma o Partido Galeguista, «que non era nada», e os comunistas, que eran extraparlamentarios.

Estévez lembra a transformación dentro dos socialistas, que procuraban un equilibrio entre o galeguismo e a socialdemocracia: «Moitos viñamos do PSdeG, a alma galeguista do PSOE, e vimos no Estatuto unha oportunidade magnífica para traballar por Galicia». Entre outros, enumera, estaban Xaime Barreiro Gil, Fernando González Laxe e Ceferino Díaz, «que foi fundamental». Coincidiron noutras forzas con Ramón Piñeiro, Benjamín Casal, Antonio Rosón ou o propio Barreiro Rivas, que se activou na política precisamente nas negociacións que permitiron un acordo galego para acadar un Estatuto de primeira.

«A forma en que evolucionou o proceso autonómico en España non sería posible sen os pactos na sombra en Galicia e Andalucía»

O profesor Barreiro, entón en Alianza Popular, prescinde do contexto nacional, moi complexo -a Transición, o terrorismo, o 23F que se cruzou no camiño- e é autocrítico na xestión do reloxo: «A traxectoria do Estatuto estivo empantanada moitísimo tempo pola nosa culpa, pero para nós non foi especialmente difícil acceder á autonomía. Xa o anunciou Castelao no 36, en realidade chegabamos enganchados a Cataluña. E iso foi o que pasou». A eiva, segundo Estévez, era que «a realidade galega non tiña o nivel político, económico e social do País Vasco e Cataluña». Villares sinala que aquel debate, o de poñer ou non a Galicia ao nivel das outras dúas nacionalidades históricas, puido prexudicar os obxectivos: «Unha parte importante do PC e do PSOE querían poñer o límite en Galicia». O que Martín Villa chamaba «o proceso de racionalización autonómica».

O resultado daquelas negociacións, para Xosé Luís Barreiro, foi positivo porque entende que, na práctica, quedou á altura do Estatuto de Cataluña. Pero despois «hai unha realidade que depende da estrutura dos partidos e do apoio que teñan na sociedade, e nós aí erramos máis que os outros».

«Galicia non estaba preparada, pero acadouse o fundamental, unha ferramenta para intervir na sociedade galega»

 

Houbo riscos, «estabamos ensaiando a democracia», lembra Estévez, e segundo Villares houbo «varios momentos» nos que o proceso estivo a piques de descarrilar. Cando as negociacións estaban na comisión institucional houbo «unha saída en tromba en Galicia que se chamou o Estatuto do aldraxe, e o 23F puido deixar consecuencias non queridas». Barreiro apunta outro atranco que se salvou por moi pouco: no Pacto do Hostal houbo unha «brillantísima» negociación que precisou de arranxos xurídicos e un compromiso dos participantes de non facer reclamacións, «porque podería ter sido anulado polo Constitucional».

Máis alá da calidade da redacción, aquelas conversas foron o precedente dun cambio político, «porque os partidos minoritarios foron máis botados cara adiante» ca os hexemónicos, e así o resolveron os galegos ao votar en 1981, unha xornada democrática na que todo estaba verde. «O día das eleccións creouse o Parlamento e non sabiamos onde reunirnos», lembra Barreiro.

Reformar o Estatuto ou deixalo como está? «Non é fácil facelo moito mellor»

Entre as tres voces que recuperan os tempos da complexa construción do Estatuto de Autonomía de Galicia hai distintas interpretacións catro décadas máis tarde sobre a súa posible actualización. Para Xerardo Estévez, o texto «hai que reformalo, pero non agora». O arquitecto compostelán cre que a crise «brutal» deixou a todos «descolocados», e o panorama político non invita aos necesarios consensos, «a unha nova Transición», di. E introduce unha cuestión que debería sumarse ao debate: as competencias e ferramentas das comunidades para xestionar a nova situación que deriva da pandemia. Estévez cita dous piares do Estatuto que invitan a unha reflexión, a lingua e o territorio. «A lingua nunca foi tan apoiada, pero deixamos de falala en privado, e iso xa merece unha revisión crítica». Sobre o territorio «quedan dúas xeracións para que ese aspecto identitario estea na mente de todos».

«Fomos uns bos aprendices da democracia. A política soubo ir por diante a pesar das dificultades, porque o entusiasmo era enorme»

Ramón Villares é máis escéptico. O académico lembra que no intento de abordar a cuestión durante o bipartito, o PPdeG, con Alberto Núñez Feijoo á fronte e aínda na oposición, «dixo non, e as urnas validárono. Isto é unha ensinanza para o futuro», advirte. «Se non hai contexto de acordo básico, facer unha reforma significa abrir un conflito sen saber o resultado, e iso é o peor que lle pode pasar a calquera marco normativo e á sociedade. Hoxe non hai acougo para que suceda iso», valora. E hai outra cuestión de fondo, que é que «o ben ou o mal» que Galicia estea gobernada non se pode achacar ao Estatuto e ao marco actual. «Non por reformalo imos estar mellor», subliña.

Villares coincide con Xerardo Estévez en que non hai hoxe o mesmo espírito político que permitiu acadar, hai corenta anos, o consenso. «Nos tempos da Transición había un campo experimental de ir cara a adiante, e iso é o que hai que recuperar. Eu non faría unha reforma polo feito de facela». De dar o paso adiante, propón «entrar na cociña e non saír se o prato non está feito».

Barreiro amósase máis firme para non tocar o texto do 81, entre outras cousas porque non foi o habitual nas comunidades. Lembra que o País Vasco -que ten o Estatuto «máis avanzado»-, non o reformou, aínda que fixo unha proposta. «E Cataluña fíxoo, pero sería mellor que non o tivera feito, porque é unha reforma combativa, non acordada, e non era para xestionar unha comunidade, senón para romper o Estado autonómico», indica. Andalucía, lembra, tivo unha leve corrección que Galicia esquivou no Pacto do Hostal, e as 13 comunidades restantes fixeron cambios «para pasar ao segundo nivel, forzados pola dinámica institucional das autonomías», aclara. «Salvo circunstancia singular, e é mellor que non a haxa, haberá unha tendencia a manter o Estatuto e a Constitución. Van permanecer inalterables porque non son malos, e porque as propostas partidistas son peores que o que hai», sinala Barreiro, que deixa unha última razón «que pode ser provocativa, pero non o é. Non é fácil facelo moito mellor».