Valeriano Martínez: «É un bo momento para opositar porque as xubilacións van a chegar de mil en mil»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O conselleiro de Facenda di que a Xunta acepta unha solución colectiva para o pago do IVE, pero que sexa rápida

16 may 2021 . Actualizado a las 13:18 h.

Valeriano Martínez (Aldán, 1961) di que é un home pouco coñecido malia levar seis anos no Goberno galego, pero sinala que desde que iniciou a disputa contra o Ministerio de Hacienda para que Galicia cobrase os 204 millóns de euros adebedados polo Estado, ata recibiu ánimos de cidadáns anónimos pola rúa. Non puido acadar o triunfo pola vía técnica nin a política, pero o Tribunal Supremo vén de darlle a razón á Xunta e agora só falta saber cando e cantos cartos van recibir as arcas autonómicas tras tres anos de loita pola liquidación do IVE recadado na comunidade no mes de decembro do 2017.

-A sentenza do Supremo di que a Xunta ten dereito a eses cartos, pero non fixa a cantidade. De canto falamos?

-Son 204,4 millóns, repasamos os nosos cálculos moitas veces.

-Hacienda rebaixa esa conta.

-Eles din que son 180 millóns longos, pero nunca permitiron facer un contraste das cifras. Eu creo que non teñen en conta que hai outros catro fondos incluídos dentro do sistema de financiamento autonómico que dependen desta partida. E tamén están os intereses de demora, un aspecto que só recolle o recurso da Xunta, non o de Castela e León, e que pode supoñer outros doce millóns de euros.

-Ben, falamos entón de 216 millóns. Cando van chegar?

-A partir da confirmación da sentenza poden pasar dous meses máis ata a súa execución. Pero eu creo que despois de perder nos tribunais con Castela e León e Galicia é o momento de sentar a falar, porque é un problema común que afecta a trece comunidades -todas menos País Vasco e Navarra- e aos concellos, dos que non me esquezo. O máis acaído sería convocar o Consejo de Política Fiscal y Financiera, no que estamos todos representados, dialogar, falar de cantidades e decidir o método de restitución. É o procedente, deixar atrás a intransixencia.

-Todo isto deixa moi marcada a súa relación coa ministra de Hacienda, María Jesús Montero.

-É unha persoa moi política que ás veces ten graves erros. A primeira vez que alguén falou en España do problema de cobro do IVE foi nunha reunión con ela na que estivemos o presidente Feijoo e mais eu en Madrid, en agosto do 2018. Ela levaba pouco tempo no posto, pero soáballe moito porque foi conselleira en Andalucía. Sabía máis ca Lepe, aínda que despois xogou a facernos unha chantaxe porque precisaba o apoio para os primeiros orzamentos socialistas, que, por certo, marxinaban a Galicia. Eu entendo que a ministra está en dó, en fase de negación e ira, pero negociará o IVE e cobraremos os cartos, que son dos galegos.

-A Xunta reclama outra débeda, neste caso de 170 millóns, polos incentivos que daba o Goberno de Rajoy por levar ben as contas. Van recorrer á vía xudicial?

-Neste caso a opción debe ser a vía política. Semella a mesma cousa que o IVE pero non o é, porque esa partida non forma parte do sistema ordinario de financiamento, senón que era unha disposición adicional que introduciu o Goberno se acadabamos unha boa xestión nos anos 2017 e 2018. Só o fixemos Canarias e Galicia, e nós tiñamos unha cifra de referencia do ano 2015 que había que negociar, 85 millóns de euros por ano, pero o Goberno non pagou e tampouco recoñece ese incentivo, que eliminou dos seus orzamentos. Non imos esquecer eses 170 millóns, porque boa falta fan eses cartos tamén.

-A Xunta é Estado, coma o é o Goberno de España, non é anormal que os tribunais teñan que poñer orde nestas cousas?

-É ben triste que teña que vir o Supremo a dicirche o que é a cogobernanza real. Nós tivemos lealdade institucional, achegamos alternativas e esperamos ata o último momento para abrir a vía xudicial. Insisto, foi unha etapa de chantaxe moi trapalleira.

«É un bo momento para opositar porque as xubilacións van chegar de mil en mil»

Ademais de levar as contas da Xunta, Martínez é o responsable de todo o persoal das consellerías, agás as de Sanidade e Educación.

-Por que din que é un bo momento para facer oposicións?

-Porque o é. Feijoo e eu entramos pola porta de San Caetano hai 36 anos como interinos. O ano seguinte marca o punto de inflexión na dimensión do emprego público, así que dentro duns anos, en catro ou cinco, as xubilacións na Xunta van chegar de mil en mil funcionarios. Por iso imos tratar de limpar nos próximos meses todas esas prazas que veñen de anos anteriores, e poñernos ao día co 2020, no que non houbo oposicións pola pandemia.

-Hai traballadores da Xunta que levan interinos ata 14 anos, como no caso do Consorcio Galego de Benestar. Ata cando?

-E máis anos tamén, hai xente de máis de vinte. No 2020 houbo cen xubilacións de interinos. O gran atranco no tema da temporalidade é a taxa de reposición que marca o Estado. Ninguén vai prescindir dun médico porque sexa interino, e para a Xunta, en termos de empresa, o custo dun traballador sen praza en propiedade é un 7 % superior. Xa somos adultos para tomar as nosas decisións, como fan en Europa. Se eu sei que vai haber mil prazas por xubilacións, debería poder adiantar esa oposición e que o relevo sexa xa propietario da praza, non un interino.

-Xa hai 2.600 funcionarios teletraballando. Irá a máis ou é unha consecuencia da pandemia?

-A impresión é que é algo que veu para quedarse. A tecnoloxía permíteo, e a vida individual de cada quen merece unha consideración. Eu penso que chegaremos a un reparto ao 50 % entre o presencial, que non se pode perder, e o teletraballo.

-Andan a voltas coa intelixencia artificial, cando veremos os robots funcionarios?

-Nós xa tivemos o primeiro da Xunta, para xestionar o imposto de vehículos. E o segundo axudou moito na xestión dos plans de rescate. O funcionario agradece moito deixar de facer traballos repetitivos, e permite reforzar outros departamentos.

«A labazada da pandemia vaise notar nas contas do próximo ano»

A Consellería de Facenda comeza a traballar nos presupostos do seguinte ano no mes de xuño. O sistema de financiamento funciona de tal xeito que as recadacións non repercuten ata dous exercicios despois, así que as contas do 2022 serán as primeiras condicionadas pola pandemia.

-Haberá unha drástica diminución, coma aconteceu na anterior crise?

-O que temos claro é que a labazada vaise notar nas contas do próximo ano, pero aínda estamos cos traballos previos para que cheguen antes do 20 de outubro.

-Vostede concédelle moita importancia a que cheguen sempre a tempo, é tan diferencial?

-Cando comezou a pandemia, en marzo do 2020, sabiamos que ía producirse unha crise de liquidez, desde o autónomo máis humilde ata as grandes empresas, por iso nos dotamos en Tesourería de 1.800 millóns que permitiron pagar aos nosos milleiros de provedores en quince días, algo que non poden dicir moitos. E fixemos as modificacións de crédito para ter a disposición cen millóns de euros que eran moi necesarios para a sanidade. Esa capacidade para mover cartos dun lado ao outro tivémola por ter as nosas contas aprobadas, e tamén por ese criterio de prudencia de non esgotar o límite de déficit, que nos deixou unha marxe de 65 millóns máis que eran moi necesarios para frear ese primeiro golpe. Iso tamén permitiu activar de seguido todas as obras, polo que fomos a comunidade de España máis inversora. A mágoa foi o parón que houbo na compra de material sanitario, que asumiu o Ministerio de Sanidad cando levaba vinte anos sen facelo. Nós non somos máis listos, pero temos máis experiencia na contratación. Cando deron o permiso para operar foi cando apareceron as máscaras e os respiradores.

-A maioría dos ingresos chegaron do Estado, con moitas críticas por parte da Xunta.

-É verdade que chegaron e permitiron ordenar moi ben o gasto sanitario, o social e as axudas. Para a Xunta, a pandemia provocou un desfase de 90 millóns de euros. A nosa queixa ten que ver cos criterios de distribución.

-Agora virán os fondos europeos. Estamos preparados para xestionalos?

-Hai moito interese dos funcionarios por formarse nese eido, e por iso reforzamos os cursos na Escola Galega de Administración Pública. E se hai que poñer a máis xente a traballar, farémolo. Sería unha estupidez pola miña parte non gastar 12 ou 15 millóns máis en persoal se poden chegar centos de millóns a Galicia.