O Pazo do Hórreo gozou durante máis de tres lexislaturas da lucidez e magnífica oratoria desta lucense, que foi a primeira muller deputada no Parlamento galego polo BNG e deulle o relevo no escano precisamente á actual portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
11 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cando se lle pregunta por calquera evento da súa vida, Pilar García Negro (Lugo, 1953) é quen de dar a data exacta. Por exemplo, a daquel 17 de decembro de 1989 no que se celebraron as eleccións que a converteron na primeira muller en ser deputada nacionalista no Hórreo. «Ten a súa importancia, porque naquela terceira lexislatura eramos nove deputadas de 75 parlamentarios», lembra.
Para ela, que levaba xa anos de actividade cultural, sindical e política, sentar no hemiciclo polo BNG era unha gran responsabilidade. «A miña preocupación foi grande dende o primeiro momento. Non me representaba a min mesma, eu tiña que facelo ben porque estaba a representar á única organización política de obediencia estritamente galega, e á porción do noso pobo que nos votou». Unha filosofía que a acompañou durante as tres lexislaturas e media que estivo como parlamentaria. Moi activa en todo o que tiña que ver coa cultura e a lingua galegas, tamén lembra con especial orgullo o seu papel na fundación da comisión para a igualdade dos dereitos das mulleres, que comezou a funcionar en 1994. «Boto en falta que hoxe non exista, porque durante todos os anos en que existiu convocou a representación social feminina e feminista máis ampla posíbel», di.
Foron case 14 anos, recorda, de moito traballo, parlamentario e social. «Eu non fun a quentar o escano. E tiven moitas satisfaccións, pero tamén moitas decepcións, ao ver que os outros grupos tiraban para atrás iniciativas que para nada eran utópicas, senón moi viábeis. Logo na cafetería achegábanseme deputados do PP ou do PSdeG e dicíanme: ‘‘Se tes máis razón ca un santo, pero hai que votar disciplinadamente''», conta. Unha sensación acre que volveu ter no 2015 cando regresou á Cámara para defender unha iniciativa lexislativa popular relacionada co legado de Castelao. «Volvín padecer o non habitual e pensei: ‘‘Coma nos vellos tempos''».
«Non fun ao Parlamento a quentar o escano»
En decembro de 2003 deixou oficialmente a súa acta de deputada. «Eran moitos anos e sentía que debía volver á miña profesión», explica. Substituíuna, precisamente, Ana Pontón, a actual líder do BNG, formación na que García Negro segue a militar.
Retomou entón a docencia, ata que no verán do 2016 optou por se prexubilar. Segue, iso si, dando clases na universidade sénior —«É unha experiencia gratísima, un público inmellorábel»— e vinculada ás actividades dun grupo de investigación da Facultade de Filoloxía da UDC. Pilar segue ao pé do canón, agora con máis tempo, di, para continuar co seu labor de escritora e divulgadora. Nos últimos dous anos publicou cinco libros, o máis recente, Galiza e feminismo en Pardo Bazán, unha visión crítica que está a presentar estes días por distintos puntos de Galicia. «Estou moi satisfeita, porque está a axudar a que haxa debate e deixemos de ser simples escoitadores ou consumidores de pantallas», valora.
Ela, que defende que o saber si que ocupa lugar, e tempo, deixa sempre un oco para seguirse cultivando porque «hai que aprender toda a vida; xa o di o dito galego: vai a vella morrendo, e vai aprendendo. E iso aplica moito á nosa cultura, na que aínda hai moito por investigar e contar». Sobre quen quere seguir contando ela? A lista é longa, pero sobre todos os nomes, sobresae un: Rosalía de Castro. «Na súa obra hai un caudal de excelencia, de altura literaria, cultural, cívica, estética... que daría para falar meses e anos», defende apaixonada, sobre a muller á que considera figura cumio das nosas letras, e cuxa vida e obra semella Pilar ter completa na cabeza.
«Defendo o que sempre defendín»
O ideario político e social de García Negro tamén segue intacto, aínda que xa non teña responsabilidades públicas. «Defendo o que sempre defendín», aclara. Se se lle pregunta se ve á súa substituta no Hórreo como primeira presidenta muller e nacionalista de Galicia, contesta: «Posibilidades vexo, pero sempre defendín que un avance electoral ten que ir acompasado cun avance social, e aínda hai moito que sachar para ter máis conciencia galega da que temos. Ademais, perdura unha pregunta clave: este marco autonómico que temos é suficiente para encarreirar a solución aos nosos problemas? Eu coido que está máis que demostrado que non», sentencia.
Fun
Profesora de instituto e universidade, e parlamentaria no Hórreo
Son
Escritora, investigadora e docente na universidade sénior