Julio Abalde: «O obxectivo é que a Cidade das TIC xere 70 compañías en cinco anos»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

«A UDC crea seis ou sete firmas cada ano, e o 85 % delas perviven», di o reitor da Universidade da Coruña

28 nov 2021 . Actualizado a las 22:26 h.

Dentro dun ano, a Universidade da Coruña (UDC) terá en funcionamento o primeiro edificio da Cidade das TIC, o seu gran proxecto para impulsar as novas tecnoloxías en Galicia. O reitor, Julio Abalde (Vigo, 1956), firmará esta semana o convenio acordado co Clúster TIC, a Xunta, a Deputación e o Concello da Coruña, que dará o disparo de saída para a construción do complexo.

—Que será a Cidade das TIC?

—Un polo de innovación onde van converxer centros de innovación e formación, e grupos de investigación non só da Coruña, senón doutras universidades galegas. Vai ser un polo tecnolóxico de apoio a todos os sectores, para as empresas que empezan e para as que están consolidadas e queren desenvolver a súa actividade nun entorno amigable, eficiente e centrado na innovación. Ese caldo de cultivo xerará traballos conxuntos, coñecemento e tamén novas empresas.

—Cal é o obxectivo do convenio?

—O convenio busca a mellor fórmula de cogobernanza para o complexo, que era un dos compromisos da UDC, e plasma a vontade de todas as Administracións de levar adiante o proxecto.

—Cogoberno e novas tecnoloxías. Está a abrir camiño a UDC?

—É o que ten que facer a universidade: ser innovadora, e se pode trasladar esa innovación a outros ámbitos, benvido sexa. O que fai a UDC con este proxecto é superar as súas funcións, porque vai xerar un espazo que estará e se manterá á vangarda da innovación para que toda a sociedade poida beneficiarse e mellorar de xeito continuo. Con este proxecto non é que incorporemos as novas tecnoloxías, é que van estar aí evolucionando.

—Falaba de crear empresas?

—O obxectivo é que as cidade das TIC xere 70 empresas en 5 anos.

—Dende a Universidade?

—Non é un dato moi coñecido, pero a UDC crea en torno a seis ou sete empresas cada ano e o 85 % perviven. Hai uns días sacaches [en La Voz] a Torus [unha firma tecnolóxica que acumula 18 premios], que é un exemplo.

—Non será o único caso.

—Non, pero é unha realidade pouco coñecida. Hai empresas que se crearon hai 20 e 25 anos na UDC e contratan aquí a 70, 80, 90 persoas. Pero non teñen nin un cliente en España, traballan para Google, Android e outras.

—E de onde saen?

—Ese é o efecto da Facultade de Informática na Coruña e en toda Galicia. Hai cantidade de xente que está a desenvolver proxectos empresariais polo mundo, en Palo Alto [EE.?UU., sede das grandes firmas de tecnoloxía mundial] por exemplo. Estes días premiaron a Ana Freire [Ada Byron 2021 polo seu traballo en intelixencia artificial aplicada á saúde mental]. É magnífica e foi alumna nosa. Ou a mesma Torus, que traballa con grandes empresas e fai ese desenvolvemento.

—Coa Cidade das TIC é posible que quede aquí máis talento?

—Diso se trata, de que esa xente non teña que marchar e poida desenvolver aquí os seus proxectos nese ambiente de innovación.

—Como un Silicon Valley...

—Máis pequeniño, pero se somos capaces de impulsar isto con forza os inversores van vir, porque van estar atentos ao que se xera aquí. As grandes empresas necesitan ás pequenas e innovadoras. Google, IBM, Microsoft... observan o mercado en todo momento, e cando empeza unha pequena empresa se interesan.

—É tan importante ese ambiente de innovación do que falaba?

—Illado non es consciente das necesidades e os progresos que fan outros. É o ambiente do MIT (Massachusetts Institute of Technology), que ten só unha cafetería para que todo o mundo coincida alí e os de humanidades falen cos de arquitectura e os de arquitectura cos de tecnoloxía. Se hai ambiente de innovación, xeras innovación. E a nós como universidade nos ven ben, porque poderemos traballar de forma conxunta coas empresas. Elas nos poderán transmitir o que precisan, e nós a elas. Iso nos permitirá mellorar a formación conxunta dos titulados: as estruturas duais, as prácticas en empresa, os TFG e TFM e os doutoramentos industriais.

«En ningún país avanzado a universidade e a empresa son mundos separados; con autonomía, deben traballar xuntas»

Julio Abalde defende a cooperación entre empresa e academia.

En ningún país avanzado son mundos separados; con autonomía, deben traballar xuntas, se non a innovación non funciona.

—Hai quen teme que o mercado inflúa de máis na educación.

—Na universidade ten que ver con que o financiamento sexa só para transferencia, iso é un erro. As universidades teñen que investigar, e logo se verá si se transfire ou non. Na pandemia se puido ver. Quen fixo que de repente fora posible ter vacinas? A investigación básica, que nalgúns casos non estaba nin valorada, pero estaba aí e de repente aflorou porque apareceu o sistema de aplicación que foi loitar contra o virus. Había un coñecemento previo que non era de transferencia inmediata, e cando xurdiu o covid dixeron «eh, teño isto que pode servir». Por iso as universidades pedimos que non se financie só investigación aplicada, senón tamén a investigación que a academia considere adecuada.

—Porque nunca se sabe cando ese saber pode facer falla.

—Hai que ampliar o coñecemento, e é moi importante a investigación na fronteira do coñecemento. Logo virán as oportunidades para aplicalo. Pero se só facemos investigación aplicada empobrecémonos. O centro de investigación da Cidade das TIC terá esa función, con investigacións de aplicación inmediata e outras que ampliarán o coñecemento e poden tela no futuro.

—O primeiro edificio será o Centro de Servizos Avanzados (CSA) Estará a finais do ano que ven?

—Mantemos o prazo. Estamos no final de adxudicación e a primeiros de ano comezará a obra, que ten un prazo de sete meses. Que comecen os traballos supón que o proxecto aterra na realidade. Ata agora houbo moita actividade previa, pero cando se ve que as cousas se concretan é cando hai grúas. Pero xa temos un compromiso importante de empresas que van participar tanto no CSA como no resto do complexo.