Jesús Blanco Villar, exciclista profesional: «Sigo montando en bicicleta, pero agora saio para ir tomar a miña ''cocacoliña''»

b. casal REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Blanco Villar, fotografado nunha ponte en Padrón, onde dirixe un equipo de ciclismo
Blanco Villar, fotografado nunha ponte en Padrón, onde dirixe un equipo de ciclismo Sandra Alonso

Gañou catro etapas da Volta a España e participou no Tour de Francia e no Giro antes de retirarse como ciclista en 1998. Agora leva dez temporadas como director deportivo do Club Padronés

14 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Blanco Villar (Rois, 1962) ten fame de quilómetros, a pesar de levar retirado como ciclista profesional desde 1998. «Sigo montando en bicicleta dous ou tres días á semana. Fago unha hora e media ou así, pero agora vou desfrutar. Saio para ir tomar a miña cocacoliña», conta Blanco Villar, quen gañou catro etapas da Volta a España, participou tres veces no Tour de Francia e unha no Giro de Italia, entre outras competicións, durante as décadas dos 80 e 90. «Foron case 17 anos de profesional. Cando adestraba facía uns 40.000 quilómetros ao ano e saía practicamente todos os días. E o sábado ou o domingo facía descanso activo: dúas horiñas de bicicleta», compara o exciclista coa súa práctica actual.

Daqueles anos como profesional lembra con especial agarimo a súa participación nesas tres grandes citas. «Chegar a estar de líder na Volta a España e correr no Tour e no Giro é o maior soño para calquera ciclista», destaca Villar, mentres distingue o que sentiu en cada unha delas. No caso da proba francesa, a experiencia foi especialmente emocionante para o galego: «Cando cheguei aos Campos Elíseos despois de todas as adversidades da carreira... puxéronseme os pelos de punta». De Italia destaca que «aínda que o Tour é a gran ilusión de todos os corredores, o Giro é unha volta distinta e moi bonita. Hai unha grande afección e sentes a calor dos tifosi na beira das estradas».

Imagen de archivo de Blanco Villar durante una carrera en Vigo en la que se proclamó vencedor
Imagen de archivo de Blanco Villar durante una carrera en Vigo en la que se proclamó vencedor KOPA

Botando a vista atrás, Blanco Villar afirma que o deporte das dúas rodas cambiou moito nos últimos anos. Unha das maiores diferenzas ten que ver coa alimentación: «Antes non existían os xeles, nin as bebidas enerxéticas. Agora tes de todo e os alimentos para recuperar avanzaron moitísimo». «Aínda recordo levantarme ás seis da mañá para almorzar un filete e logo ir correr ás dez. Agora iso parece ciencia ficción, pero non pasaron tantos anos», engade.

Despois dese tempo como profesional (en España retirouse no ano 93 e logo correu en Portugal entre 1995 e 1998), seguiu ligado ao ciclismo como director de equipos. Estivo no Karpin Galicia e desde hai dez temporadas é o director deportivo do Club Ciclista Padronés-Equipo Aluminios Cortizo. «As nosas prioridades son a Volta a Galicia e a Volta á Coruña, onde tentaremos estar ao máximo nivel. Temos corredores moi bos e de moitos sitios, tanto galegos, como españois e mesmo algún uruguaio. Aquí hai moito tirón e o noso patrocinador está apostando forte», resume o exciclista de Rois, concello dunha comarca, a do Sar, con moito gusto polos pedais. «Padrón sempre tivo moita tradición. Aí está a nosa carreira Clásica de Pascua, que xa é unha das máis antigas de España», finaliza.

Fun

Ciclista que participou dez veces na Volta a España, tres no Tour e unha no Giro.

Son

Director deportivo do Club Ciclista Padronés-Equipo Aluminios Cortizo.