«Imos a por todas, sen límites», arengou ao partido para as municipais
25 jul 2022 . Actualizado a las 21:56 h.En Santiago, este 25 de xullo, ulía a patria pola mañá. Ou a patrias. Na multitudinaria manifestación do BNG, que encheu outro ano a praza da Quintana, houbo bandeiras vascas, catalás, da Bretaña, palestinas, galesas, cubanas... Na súa periferia, ata as houbo de España. O grupiño que a levaba quedou fóra do perímetro, e tentou chamar a atención cun altofalante polo que asomaban as proclamas de Santiago Abascal.
Ao outro lado da Quintana, Ana Pontón proclamou «somos unha nación». Tamén citou ao teórico marxista Antonio Gramsci, fundador do partido comunista de Italia (PCI), e falou do novo mundo que non acaba de nacer e do vello mundo que se resiste a morrer. No claroscuro, entre «feitos estraños e contraditorios» que nos levan a pensar que «o mundo perdeu a cordura», viven «os monstros»: a inflación, a guerra, o militarismo, a carnicería ou a aperta aos refuxiados segundo o color da súa pel. Nesa lista caben tamén as «medidas disparatadas», denunciou Pontón, dos gobernos europeos que, en lugar de traballar pola paz, adoptaron unhas sancións contra Rusia «que non deteñen a guerra», e que están pagando as maiorías sociais. A crise de prezos, derivada en parte do conflito de Ucraína, sobrevoou toda a súa proclama.
O mundo novo, predixo, será feminista, ecoloxista e multipolar. Estará poboado por nacións libres «que queren controlar o seu destino e avanzar sen submisións». No camiño a ese novo mundo, para deixar atrás os «monstros», os galegos «poden contar co BNG», que ten un proxecto para «unha saída xusta e galega desta crise», dixo Pontón.
Para logralo, o partido debe atraer «máis cidadanía e máis pobo», porque nas eleccións municipais poden obter uns «excelentes resultados» se se presentan ante os cidadáns «con convicción, decisión e cun proxecto para mellorar as súas vidas». Os comicios serán o primeiro paso, asegurou, para que un Bloque «experimentado e maduro lidere un novo tempo» en Galicia.
Ademais de receitar máis BNG como cura para a crise, Pontón cargou contra a Casa Real xusto cando os seus máximos representantes estaban case porta con porta, no Obradoiro. «Somos galegos e galegas republicanas e non súbditas dunha monarquía corrupta», dixo.
Antes de Pontón, a secretaria xeral de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, celebrou estar fisicamente algo lonxe da Casa Real, unha «institución corrupta», dixo, pero non tanto como para que os seus compoñentes non puideran escoitar o grito de «Galiza non ten rei», que foi repetido varias veces no día.
Responsabilidade con Galicia
A portavoz do BNG non limitou as súas críticas á familia real. Foi de Galicia cara o mundo. Empezou polo «desleixo» da marcha de Alberto Núñez Feijoo a Madrid e a súa substitución por Alfonso Rueda. Acusounos a ambos de faltar ás súas responsabilidades con Galicia por unha cuestión de partido. E engadiu que Feijoo non marchou para salvar ao PP da crise interna, senón para «fuxir da desfeita que deixa».
Clamou contra os incendios. «Doe na alma ver como arde Galiza», dixo antes de advertir que os lumes teñen responsables nos políticos que permitiron que os bosques se convertan nunha polvoreira, e que desprotexen os espazos naturais galegos para que «uns poucos fagan negocio».
Describiu ao BNG como «antiimperialista e pacifista», polo que di «non á guerra sempre», e enumerou as de Serbia, Iraq, Libia, Afganistán e Ucraína. Criticou o gasto de 37 millóns no cumio da OTAN celebrado en España hai unhas semanas e o aumento do 2 % do gasto militar previsto polo Goberno central. «Prefiren máis bombas que máis profesores, iso non ten nada de progresista», dixo apuntando cara a Ferraz.
Responsabilizou a EE.?UU. e as súas guerras comerciais da suba da inflación, e cargou contra as petroleiras e as eléctricas, que teñen «beneficios excesivos».
Trala arenga final de Ana Pontón —«imos a por todas, sen límites, porque non podemos limitar o futuro de Galicia»—, os congregados saíron do forno da Quintana. Só houbo unha pequena colisión entre tantas patrias como había na contorna da catedral, e foi máis berlanguiana que violenta. Estoupou cando unha señora increpou con coloridos insultos a outra que levaba o altofalante polo que Abascal saía a ratos. Interrompeu a discusión, con moito xeito, un veterano policía nacional: «Bueno, vamos a andar, que si no hacemos un tapón».
«Lumes nunca máis», «España é a nosa ruína» e antigos dirixentes na manifestación
A manifestación convocada polo BNG con motivo do Día da Patria saíu da Alameda de Santiago ao mediodía, como estaba previsto. Na primeira liña, Ana Pontón marchou acompañada do deputado Néstor Rego, a portavoz do Bloque en Santiago, Goretti Sanmartín, e outros cargos da formación nacionalista. Levaban a pancarta co lema da convocatoria: «Gañarmos o futuro. A nova Galiza en marcha». Uns pasos por detrás avanzaba unha bandeira do Bierzo e pouco despois camiñaba o exparlamentario Camilo Nogueira, recente medalla Castelao; ou os exdirixentes Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, hoxe portavoz no Concello da Coruña.
Na manifestación participaron delegacións de partidos afíns encabezadas por Joana Mortagua (do portugués Bloco de Esquerdas), ou as deputadas no Congreso Marta Rosique (ERC) e Mertxe Aizpurua (EH Bildu). A marcha discorreu sen incidentes e a bo ritmo. A consigna máis coreada foi un clásico: «Galicia ceibe, poder popular». Pero soou con moita forza o «lumes nunca máis», que recupera a popular campaña contra o desastre do petroleiro Prestige. Outras con menos seguimento foron «España é a nosa ruína» ou «non estamos todos, faltan as presas», e outras de contido independentista.
Houbo algo de tensión na praza de Galicia, onde se concentrou un pequeno grupo de cubanos que se dirixiu aos manifestantes con gritos de «Galicia ayuda, Cuba es dictadura» ou «estos son mis presos, ¿dónde están los tuyos?», mentres mostraban fotos. Algúns participantes contestaron con «Cuba si, yanquis no»; outro virouse cara eles con un «viva Cuba socialista». O servizo de orde da manifestación cortou o conato de enfrontamento no acto.
Ao arranque da marcha, Ana Pontón invitou aos cidadáns a gozar do Día de Galicia independentemente de «como sintan esa galeguidade». Tamén lles chamou a non resignarse ante a crise de prezos e a mobilizarse para que non a paguen as clases populares. Reclamou ademais unha viraxe na política forestal para que non se repita a «catástrofe» dos lumes dos últimos días.
Segundo a organización, asistiron á marcha 20.000 persoas. A praza da Quintana ten 2.500 metros cadrados útiles.