Manifestación a prol da lingua en Santiago: «Eu non son gallego, eu son galego»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Queremos Galego reclama que a Xunta poña en marcha o plan xeral de normalización aprobado hai 20 anos por unanimidade ante a situación actual de «emerxencia lingüística» 

17 may 2024 . Actualizado a las 15:00 h.

«Celebramos que o galego segue vivo grazas a unha sociedade que se preocupa día a día de normalizalo, repolo e colocalo en todos os espazos onde se nega a presenza da nosa lingua». Así explica Marcos Maceira, voceiro da plataforma Queremos Galego, o lema deste ano na manifestación polo idioma: Galego vivo, Galiza viva. Milleiros de persoas volveron darse cita na Alameda de Santiago no Día das Letras para denunciar a situación de «emerxencia lingüística» que se dá cando se cumpren vinte anos da aprobación do plan xeral de normalización da lingua galega, un documento con 400 accións e medidas concretas a prol do galego e no que participaron no seu momento máis dun milleiro de persoas de todos os ámbitos. «Non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos», subliña o manifesto de Queremos Galego

«Defender o noso idioma e a nosa identidade como pobo é sempre importante», explicaba un dos asistentes, chegado dende Guitiriz e acompañado pola familia e por amizades, tamén de Asturias. «Eu non son gallego, eu son galego», explicaba un veciño de Oviedo. «Nunca mellor día que as Letras para representar a nosa identidade e ter conciencia e defender o que somos, porque non somos outra cousa máis que galegos. Eu, se non son galego, non son ninguén».

Marcos Maceira reclamaba da Xunta a activación e cumprimento de todos os puntos dese plan de normalización lingüistica aprobado por unanimidade nun momento de situación crítica para o galego. «Ese é o gran pacto nacional pola lingua», subliñaba, en clara referencia ao ofrecemento do novo conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, hai uns días no Parlamento, dun gran pacto que saque o galego da desputa política. 

«Estamos na rúa para reivindicar que o galego segue vivo grazas á sociedade e que por iso, Galiza está viva». Varios representantes políticos participaron tamén na marcha, que, inzada de paraugas pola chuvia que caía de cando en vez e tamén de panos palestinos, percorreu as rúas de Santiago para reclamar «mil primaveras máis para a lingua». A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi unha das personalidades políticas que se achegaron á manifestación «para amosar o noso orgullo por ter unha lingua que nos fai estar no mundo con voz propia e que dende logo é un dos mellores sinais de que este é un pobo con puxanza e con futuro».

Porén, Pontón tamén lembrou que a manifestación tamén se celebra para «reclamarlle ao goberno do PP un cambio de rumbo co noso idioma. O Partido Popular leva 15 anos traballando en contra da lingua galega», denunciou a voceira nacionalista, incumprindo «o estatuto de autonomía, a lei de normalización, o plan xeral de normalización da lingua galega... Temos a un PP situado na ilegalidade lingüística» e que ademais «fai unha lexislación que quere converter o galego nunha lingua de segunda», en referencia ao decreto do plurilingüismo e que «recorta nun 55 % os recursos para o apoio da normalización da lingua galega».

Os datos da RAG e do IGE reflicten que «se está producindo un retroceso nas novas xeracións» e que nos primeiros anos de escola se perde un 10 % de galegofalantes. Un de cada tres mozos e mozas rematan o ensino obrigatorio sen saber falar galego, denunciaba.

«Estamos aquí porque queremos galego», afirmaba Nicolás González Casares, candidato socialista ao Parlamento Europeo. «Temos que avanzar para que o galego gañe máis espazos día a día». González Casares tamén fixo referencia ao chamamento de López Campos a acadar un consenso pola lingua. «Eles son os que teñen que volver ao consenso, porque foron os que puxeron as normas que van contra a nosa lingua» e por iso reclamou que se deixe atrás o decreto do plurilingüismo. «Podemos avanzar xuntos e xuntas se hai vontade», e por iso instou aos populares a apoiar o recoñecemento da lingua galega nas institucións europeas. «Queremos galego nas institucións europeas» e se se aproba co voto do PP e por unanimidade, o galego será lingua oficial nas institucións europeas «en cuestión de meses».

Tamén Juan Díaz Villoslada, candidato de Sumar ao Parlamento Europeo, institiu en reclamar «o recoñecemento do galego como lingua oficial nas institucións europeas» e lembrou que esta reivindicación está dentro do pacto de investidura entre PSOE e Sumar. «Europa ten recoñecidas 24 linguas oficiais e dentro do seu multiculturalismo reivindicamos a presenza efectiva do galego como lingua de comunicación institucional».

«Non vou negar que somos algo escépticos», recoñecía Villoslada sobre o pacto pola lingua que ofreceu o conselleiro de Cultura. Malia todo, «confiamos en que a nova Cámara e as novas forzas asuman un compromiso político forte por unha nova etapa do galego na nosa terra».