Volve constituírse a comisión parlamentaria para modificar a letra do himno galego

Redacción LA VOZ

GALICIA

<span lang= gl >A deputada do PPdeG Cecilia Vázquez será a presidenta da comisión</span>
A deputada do PPdeG Cecilia Vázquez será a presidenta da comisión

Estará presidida pola deputada do PPdeG Cecilia Vázquez. Os tres grupos acordaron restaurar o poema orixinal de Pondal para corrixir «non poucas erratas», ás que se referiu o autor antes da súa morte

03 jul 2024 . Actualizado a las 12:24 h.

O Parlamento galego volveu constituír a comisión para estudar a posible modificación da letra do himno de Galicia, xa creada na anterior lexislatura, e que estará presidida pola deputada do PPdeG Cecilia Vázquez. O vicepresidente será o tamén popular Borja Verea, e como secretaria desempeñarase a parlamentaria nacionalista Mercedes Queixas, do mesmo xeito que na constitución anterior, aínda que nesta ocasión non houbo unanimidade na elección. 

Logo de celebrar este mércores a sesión constitutiva, os membros da mesa da comisión terán que continuar cos trámites, que pasan por aprobar un regulamento de funcionamento e un plan de traballo. A comisión xa se constituíra o pasado 28 de novembro do 2023, pero non chegou a iniciar os seus traballos e rematou decaendo ao disolverse o Parlamento polas eleccións autonómicas deste ano. 

O novo órgano parlamentario contou co acordo de todos os grupos para a súa creación, despois de ser rexeitada en pleno, polos votos do PP e do PSdeG, unha iniciativa lexislativa popular para modificar a letra do himno galego, o poema de Eduardo Pondal Os pinos. A intención desta iniciativa, debatida en setembro do ano pasado, era restaurar o texto do himno coa finalidade de corrixir «non poucas erratas», ás que se referiu antes da súa morte o propio autor.

Entre os cambios propostos está que a terceira estrofa sexa «mas sós os ignorantes e férridos e duros», en lugar de «iñorantes» y «féridos»; ou cambiar na segunda estrofa «chan» por «clan» no verso «confín dos verdes castros e valeroso clan». Cuestións, todas elas, atribuídas a errores tipográficos ou de outro tipo cometidos na primeira impresión oficial do texto na Habana. 

Os grupos popular e socialista rexeitaron tramitar a iniciativa lexislativa, avalada por case 16.000 sinaturas e defendida tamén polo BNG, pero propuxeron a constitución dunha comisión de estudo para conseguir un «amplo consenso social» e analizar a conveniencia dos cambios propostos. 

Así quedaría o himno: 

Que din os rumorosos,

na costa verdecente,

ó raio trasparente

do prácido luar...?

Que din as altas copas

de escuro arume harpado

co seu ben compasado,

monótono fungar...?

«Do teu verdor cinxido

e de benignos astros,

confín dos verdes castros

e valeroso clan,

non des a esquecemento

da inxuria o rudo encono;

desperta do teu sono,

fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos

a nosa voz entenden,

e con arroubo atenden

o noso rouco son;

mas sós os ignorantes

e férridos e duros,

imbéciles e escuros,

non os entenden, non.

Os tempos son chegados

dos bardos das edades,

que as vosas vaguedades

cumprido fin terán;

pois donde quer, xigante,

a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

nazón de Breogán».