Máis de 3.500 persoas solicitaron facer as probas do Celga para acreditar o seu dominio do galego
GALICIA

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que estes exames impulsan o «prestixio» do galego e promoven que se engadan persoas á comunidade de galegofalantes
17 nov 2024 . Actualizado a las 14:55 h.A Xunta de Galicia recibiu este ano máis de 3.500 solicitudes para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega a través dos exames para obter os certificados Celga. Así o revelou este domingo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou ás persoas que se examinaron do Celga 4 durante a mañá no instituto Antonio Fraguas de Santiago.
López Campos salientou que estes exames «son unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua e impulsar así o seu prestixio». «O obxectivo desta acción é promover a formación ao tempo que favorecemos o coñecemento e emprego do galego en toda a sociedade», apuntou o conselleiro, engadindo que se trata dunha medida dirixida especialmente a que «aquelas persoas non nacidas en Galicia ou que non tiveron este idioma como lingua nai poidan ter a oportunidade de ser parte da comunidade de galegofalantes».
Lembrou que, con esta finalidade, o Goberno galego vai reforzar a oferta formativa para neofalantes co lanzamento, de cara ao ano 2025, dun cento de cursos específicos de lingua e cultura galegas para persoas chegadas do exterior.«Trátase dunha das novas accións que imos poñer en marcha no marco do Plan de cincuenta medidas xa anunciado para impulsar o uso do idioma en toda a sociedade», apuntou.
As desta fin de semana son as segundas probas do Celga que se celebran en 2024, despois dos exames feitos entre maio e xuño nas sedes de Santiago e Ponferrada con máis de 2.100 persoas inscritas. Ademais do Celga 4, para o que este domingo estaban matriculadas máis de 700 persoas en Compostela e outras 200 en Ponferrada, esta segunda quenda inclúe tamén as probas para acreditar as competencias lingüísticas do Celga 2 e Celga 3, que terán lugar, en ámbalas dúas sedes, os vindeiros días 23 e 24 deste mes, sumando en total entre os tres niveis de preto de 1.500 solicitudes.