A Xunta retoma as reunións cos grupos parlamentarios para avanzar no futuro do galego

M. V. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Paco Rodríguez

O conselleiro José López Campos fixara un prazo de quince meses para aprobar un gran pacto pola lingua 

20 nov 2024 . Actualizado a las 17:04 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este mércores no Parlamento galego que a vindeira semana convocará unha nova rolda de reunións cos grupos parlamentarios para abordar a situación do galego. Este anuncio produciuse durante unha interpelación do BNG, na que a deputada nacionalista Iria Taibo criticou a demora na reconvocatoria dos encontros para avanzar na renovación do Plan de Normalización Lingüística.

«O pasado 24 de outubro comprometeuse a convocar unha reunión en quince días, pero eses quince xa pasaron, e falar é gratis», reprochou Taibo, esixindo maior dilixencia á Consellería. En resposta, López Campos anunciou que o encontro será a próxima semana e incluirá a presentación dun paquete de medidas específicas para impulsar o uso do galego no ámbito sanitario. Naquela primeira reunión cos representantes dos grupos parlamentarios, o conselleiro fixou un prazo de quince meses para aprobar un pacto pola lingua. Entre as medidas que propón, destaca a de renovar o actual plan xeral de normalización lingüística, que data do 2004. 

Durante o debate, o conselleiro apelou á importancia de «situar o galego nunha perspectiva de achegas en positivo» e rexeitou os discursos que o sitúan como «un campo de confrontación». Tamén quixo destacar o «respecto total» pola recente manifestación organizada por Queremos Galego en Santiago, que contou coa participación dos líderes do BNG e do PSdeG. Con todo, sinalou que «non se aceptarán liñas vermellas impostas pola oposición» nin se apoiarán enfoques que promovan unha visión de «emerxencia lingüística». Respecto á posibilidade de modificar o decreto de normalización lingüística, López Campos insistiu en que a Xunta non afrontará esta cuestión como «unha peza de caza maior», senón que buscará un debate sosegado e construtivo.

Taibo salientou na súa intervención varios dos incumprimentos en Galicia que recolle o informe do Consello de Europa sobre o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, publicado o pasado mes de setembro. Advertiu entre eles a «prohibición de impartir certas materias en lingua galega», como resultado do «mal chamado decreto de plurilingüísimo». Tamén ocorre na sanidade, onde o galego «só se usa formalmente na sinalización ou na documentación, mais o persoal non recibe indicacións para usar o galego», denunciou.

Proxecto Nós

López Campos aproveitou a súa réplica no Parlamento para reclamar ao Goberno central os fondos pendentes para o desenvolvemento do Proxecto Nós, unha iniciativa destinada a fortalecer a presenza do galego no ámbito dixital. «Aspirabamos a 15 millóns de euros e só recibimos dous», lamentou, e pediu maior compromiso por parte dos socialistas a nivel estatal. Pola súa banda, a deputada do PSdeG, Silvia Longueira, defendeu a necesidade de dar ao galego máis proxección internacional e acusou ao PP de romper o consenso lingüístico que existía en 2004. «Queremos restaurar esa paz, sen ruído e con tranquilidade», asegurou.

Entre as medidas previstas pola Xunta, o conselleiro destacou a creación de comisións de traballo antes de final de ano, a posta en marcha de 50 accións para dinamizar o galego en diversos eidos e o reforzo da CRTVG como catalizadora do uso do idioma. Ademais, anunciou un incremento dun 30 % no orzamento destinado a políticas lingüísticas para 2025. O conselleiro sinalou que a Xunta está a traballar nun enfoque transversal que inclúe cursos para persoas inmigrantes, actividades de voluntariado lingüístico e programas específicos no eido sanitario, educativo e xudicial. Tamén destacou a aposta polo portal neofalantes.gal, deseñado para dar visibilidade e apoio a aquelas persoas que deciden adoptar o galego como lingua principal. «O noso obxectivo é un galego que se use por convicción, non por imposición», concluíu López Campos.