.jpg)
«A nosa preocupación pola lingua vai moito máis alá do cultural», subliñou despois de analizar a situación de «emerxencia lingüística» do idioma co Concello da Cultura Galega
21 nov 2024 . Actualizado a las 16:57 h.O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este xoves coa comisión executiva do Consello da Cultura Galega para analizar a situación do galego. Apelou ás «alianzas sociais» para fomentar o uso do galego. «A nosa preocupación pola lingua vai moito máis alá do cultural. Para o PSdeG, forma parte dun proxecto global de país», subliñou.
O tamén portavoz dos socialistas no Parlamento galego enmarcou o encontro coa presidenta da institución, Rosario Álvarez; a vicepresidenta, Dolores Vilavedra, e o secretario, Alejo Amoedo, na rolda de contactos que está mantendo con diferentes organismos e entidades co obxectivo de poñer en común ideas que contribúan a reverter a «emerxencia lingüística» que significa que, por primeira vez na historia, o galego xa non sexa a lingua máis falada de Galicia.
Besteiro, que acudiu á sede do Consello acompañado da viceportavoz do Grupo Socialista Lara Álvarez, explicou que durante a xuntanza compartiuse «unha preocupación» cuxas implicacións transcenden o «puramente cultural». «É importante trasladar a nosa mensaxe, o xeito que temos de construír o futuro, non só dende un apoio político, senón a través de alianzas sociais», subliñou.
O socialista fixou a recuperación do consenso en política lingüística a través dun gran pacto como o xeito de recuperar falantes, «sobre todo os mozos e mozas», aos que hai que atraer ao uso do «noso ben máis prezado como pobo».