Con moita frecuencia, cando falamos de violencia de xénero, a imaxe que a todos e a todas nos ven á cabeza é a dun home golpeando a unha muller. Non cabe dúbida de que a agresión física é unha das formas de violencia que se exercen sobre as mulleres; pero é só iso: unha forma de violencia. A máis visíbel das violencias de xénero. Mais esa é unicamente a punta do iceberg. O resto de formas de violencia de xénero poden ser moi sutís e polo tanto permanecer invisíbeis.
Pouco a pouco, coa toma de consciencia deste problema estrutural que atravesa todas as sociedades humanas, imos aprendendo a percibir formas de violencia que antes estaban ocultas a pesar de pasar ante os nosos ollos diariamente. Para percibir esas formas de violencia imos ter que prestar atención a unha serie de indicadores que nos alertan da violencia de xénero na casa.
A violencia de xénero leva implícita o sometemento, ou o intento de sometemento, da muller por parte do home; habitualmente a súa parella. Dentro das formas de control temos as limitacións que lle trata de impor (consígao ou non) á hora de escoller con quen esa muller se relaciona. Primeiro pode tratar de limitarlle a relación con amigos, despois con amigas, e finalmente ata coas persoas da súa propia familia. A violencia é un proceso que comeza moi pouco a pouco, e que vai aumentando a medida que quen quere exercer o control, a dominación, se encontra con resistencias na súa vítima.
Violencia é o control económico sobre a muller, limitarlle o diñeiro que pode gastar ou como o pode gastar. Violencia é dicirlle como debe, ou non debe, vestirse. Violencia é golpear portas ou paredes, ou romper obxectos dela cando non consigue que obedeza. Violencia é que el lle controle a medicación da que ela depende, retendo así o poder nesa área sobre ela, e limitando a súa autonomía, isto adoita darse nas parellas de máis idade. Violencia é gritarlle, usar palabras que a humillan e a queren levar a que se sinta menos que el. Violencia é non respectar os seus desexos sexuais e insistir en manter relacións aínda despois de ela ter manifestado que non lle apetece.
Violencia é contar chistes que menosprezan mulleres só para se rir dela e despois dicir que era broma. Violencia é seguir esixindo que se realicen exclusivamente os desexos del, como cando estaba solteiro, e que se desatendan as necesidades dela e as necesidades das fillas e dos fillos. Violencia é que se lle digan “piropos” ás mulleres como se fosen obxectos sobre os que todos, desde a súa torre de control, poden opinar.
Violencia é que a brecha salarial siga existindo nunha sociedade que se quere facer chamar xusta. Violencia é a linguaxe sexista que continua enviando a mensaxe de que “el” é o normativo, e “ela” unha desviación, un apéndice, a costela de Adán.
Concepción Rodríguez Pérez es psicóloga