Once grupos de traballo para dar pulo ao galego: estes son e así funcionarán

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Manifestación a prol do galego, nunha imaxe de arquivo.
Manifestación a prol do galego, nunha imaxe de arquivo. Ángel Manso

A Xunta propón impulsar a lingua con voluntariados de galegofalantes. Inclúe campañas con «influencers», cursos a estranxeiros e viaxes a Portugal

08 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Parafraseando ao intelectual e lingüista Ramón Piñeiro, a Xunta márcase o reto de que o galego continúe sendo «o distintivo de identidade máis elemental do noso pobo e a nosa cultura». Baixo esa premisa, traballa na renovación do Plan Xeral de Normalización cos distintos actores sociais e os grupos políticos representados no Parlamento. A folla de ruta que o Goberno galego partillou con estes recolle a convocatoria de once grupos de traballo que se centran en cada un dos aspectos sectoriais do novo plan. Inclúen distintas medidas, como impulsar o uso do idioma no ámbito sanitario, na xustiza ou na policía, campañas de dinamización con influencers ou voluntariados lingüísticos entre mozos galegofalantes e neofalantes. Estes son os once grupos e as súas propostas:

DEREITOS LINGÜÍSTICOS

BILINGÜISMO CORDIAL. O primeiro punto pretende eliminar obstáculos para o uso do galego e promover un bilingüismo cordial. A proposta neste eido é continuar coa campaña Saca a lingua que levas dentro, que fomenta o uso libre do galego en todos os contextos sociais.

TECNOLOXÍAS

ADAPTACIÓN DO GALEGO. O documento argumenta que o Plan de Normalización entrou en vigor nun contexto que pouco ou nada ten que ver co actual emprego das novas tecnoloxías. Como exemplo, lembra que a súa aprobación coincidiu, no 2004, coa creación de Facebook. A Xunta chama a adaptar o galego ás novas tecnoloxías e aproveitar o seu potencial, coa proposta de ampliar o Proxecto Nós para desenvolver recursos en galego como asistentes de voz, tradutores automáticos e axentes conversacionais; continuar a campaña Doa a túa voz para crear bases de datos de audio en galego; e renovar o Portal da Lingua para ofrecer mellores recursos dixitais.

3 FORMACIÓN

SEGURIDADE PARA EMPREGAR O GALEGO EN TODOS OS EIDOS. Este grupo pretende proporcionar seguridade e recursos para o uso do galego nas actividades profesionais e persoais. O obxectivo é poñer ao alcance dos cidadáns e dos sectores profesionais «os medios formativos, didácticos, técnicos, lingüísticos e terminolóxicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego nas súas actividades persoais e profesionais». O plan aquí é colaborar coa Real Academia Galega en proxectos como Toponimízate e crear un apartado no Portal da Lingua con materiais formativos e didácticos para mellorar o coñecemento do idioma.

ADMINISTRACIÓN

EN GALEGO NA XUSTIZA, POLICÍA, NOTARÍAS... Para asegurar o uso do galego como lingua habitual na administración autonómica, local e xudicial, o documento salienta organizar reunións coa Consellería de Presidencia para impulsar o galego na Xustiza; deseñar formación específica para profesionais da xustiza; reforzar a actividade da Rede de Dinamización Lingüística para fomentar o uso do galego; difundir información sobre o uso do galego en notarías e rexistros; e incrementar o uso do galego nas forzas de seguridade: Garda Civil, Policía Nacional e Servizos do Exército.

EDUCACIÓN

FAMOSOS E XABARÍN. O fomento do galego no sistema educativo e a súa transmisión xeracional pasa neste caso por integrar medidas sociolingüísticas no Plan MEGA de mellora educativa, en vigor a partir do próximo curso, ou activar programas conxuntos coa CRTVG en centros educativos como entornos de uso do galego. Isto inclúe actividades relacionadas co Xabarín para recreos e espazos de lecer nos centros educativos de primaria. Ademais, impulsaríanse campañas como Falamos+ para secundaria, co apoio de influencers e figuras públicas; e a continuación das iniciativas Nós tamén creamos, 21 días co galego e+, e o concurso Letras Galegas.

FAMILIA E MOCIDADE

REVERTER A PERDA DE TRANSMISIÓN. Abriuse un novo grupo específico para familia e mocidade para paliar a perda de transmisión do idioma entre as novas xeracións, como recollen os últimos datos de uso do galego. O plan neste ámbito é crear un voluntariado lingüístico entre mozos galegofalantes e neofalantes para facilitar a aprendizaxe da lingua, deseñar actividades de ocio educativo en galego para familias e apoiar proxectos existentes como FalaRedes ou Tece Redes.

INDUSTRIA CULTURAL

REPOSITORIO DE GALEGO. Para aumentar a presenza do galego nos medios de comunicación e nas industrias culturais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aposta por fomentar a produción audiovisual en galego con axudas específicas, crear un repositorio de contidos culturais en galego co traballo dos creadores incluíndo contidos audiovisuais, libros, ilustracións ou banda deseñada; e intensificar a colaboración coa CRTVG para contidos orientados á infancia.

ECONOMÍA

USO DO BANCO AO COMERCIO. Este grupo ten como obxectivo crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias. Recibirá propostas dos sectores económicos estratéxicos, ampliará campañas para incentivar o uso do galego no comercio e entre consumidores e apoiará iniciativas como Aquí tamén se fala, nacida da man do alumnado do IES Rafael Dieste da Coruña.

SANIDADE

LINGUA PREFERENTE NA ATENCIÓN SANITARIA. O documento recoñece que os usuarios dos servizos sanitarios séntense máis acollidos se son atendidos na súa lingua materna. Tamén destaca que o emprego do galego nesta área pode contribuír a impulsar o uso do galego en toda a poboación debido á elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios. Así, contempla formar en galego ao persoal sanitario de fóra de Galicia; traducir todos os contidos dixitais en centros sanitarios; difundir directivas para lembrar que o galego debe ser lingua preferente de atención; e continuar coa campaña Saca a lingua que levas dentro nos centros sanitarios.

10 SOCIEDADE

INTEGRAR Á INMIGRACIÓN. Este campo persegue galeguizar actividades como deporte, turismo e lecer, ademais de integrar a poboación inmigrante. A chegada destes novos galegos ten incidencia no uso e coñecemento do idioma, di o texto, polo que cómpre un maior esforzo para achegalos ao galego. Unha das primeiras medidas anunciadas pola Xunta foi a oferta de 100 cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros. Continuará tamén o programa de Neofalantismo e mellorar a formación en galego con exames Celga en liña.

11 PROXECCIÓN EXTERIOR

MÁIS VÍNCULOS COA LUSOFONÍA. Na misión de expandir a presenza do galego fóra de Galicia, Europa e América incluídas, avogase por fortalecer vínculos coa lusofonía con proxectos como ARI(t)mar Galiza e Portugal e Ponte...nas Ondas! Tamén ofrecer estadías e intercambios en Portugal para promover o galego e desenvolver actividades con mocidade galega no exterior a través de iniciativas culturais e deportivas.