A Xunta ampliará os fondos para que menores de 36 anos compren vivendas en cascos históricos e concellos de menos de 10.000 habitantes
GALICIA
A medida publicarase no «DOG» este luns e permitirá atender as solicitudes que quedaron fóra tras esgotarse os fondos iniciais
14 dic 2024 . Actualizado a las 19:28 h.A Xunta vai ampliar en case 761.000 euros os fondos destinados ás axudas ás persoas menores de 36 anos para que adquiran vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes e en cascos históricos.
Así o anunciou este sábado a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante unha visita ao concello de Moraña, na que explicou que a ampliación de fondos vai ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste vindeiro luns.
En concreto, na partida destinada a compra de vivendas en municipios de menos de 10.000 habitantes sumaranse 670.740 euros á cifra inicial de 1,9 millóns, mentres que a dedicada á compra de inmobles en centros históricos engadirá 90.000 euros aos 500.000 xa previstos. Así as cousas, as dúas liñas pasarán a sumar un total de máis de 3,1 millóns.
O obxectivo deste aumento orzamentario é atender ás persoas que presentaran solicitudes para estas axudas, pero que non puideron acceder a elas nun primeiro momento ao esgotarse os fondos previstos.
Segundo sinalou a conselleira, esta iniciativa da Xunta para menores de 36 anos tivo moi boa acollida, e permitiu que ata o momento se teñan concedido 250 axudas para comprar vivenda en concellos por debaixo do citado límite de poboación e outras 50 para adquisicións en cascos vellos. As achegas poden acadar os 10.800 euros, no primeiro caso, e os 15.000, no segundo.