A Mesa denuncia a exclusión do galego no proxecto de lei sobre a intelixencia artificial

redacción LA VOZ

GALICIA

Manifestación a prol do galego, nunha imaxe de arquivo.
Manifestación a prol do galego, nunha imaxe de arquivo. Ángel Manso

Di que a norma non ten en conta nin a existencia da lingua galega nin a posibilidade de que os sistemas de IA a usen na interacción entre a Administración e a cidadanía

21 ene 2025 . Actualizado a las 14:17 h.

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou este martes que a Xunta exclúe o galego da lexislación sobre a intelixencia artificial «ao non contemplar en ningún momento» a posibilidade de que esta empregue a lingua propia da comunidade. 

A asociación subliña nun comunicado que o proxecto de lei para o desenvolvemento e o pulo da IA en Galicia, presentado ao Parlamento galego pola Xunta, establece un marco para o seu uso na Administración galega e no sector público, amais de regular o seu réxime xurídico e as súas relacións coa cidadanía, empresas, entidades e outras Administracións. Pero non ten en conta, segundo di, «nin a existencia da lingua galega nin a posibilidade de que os sistemas de IA a usen na interacción entre a Administración e a cidadanía». 

«Ningún dos dereitos que se enumeran no proxecto garda relación co dereito ao uso da lingua propia ou coa garantía deste dereito facilitando a súa presencia e disposición nos sistemas de IA», explica. 

A Mesa critica que o proxecto de lei «nin se molesta en adaptar as necesidades de Galicia á lei europea de IA, que si fai mención ao uso das linguas oficiais dos Estados». Tampouco atende no aspecto lingüístico a recomendación sobre a ética da IA da Unesco, «pese a declarar no preámbulo que este documento foi tomado en consideración». 

Segundo a asociación, o artigo 2 do proxecto de lei fai mención á finalidade de garantir a presenza do galego nesta tecnoloxía, pero esa «é a única referencia á existencia do galego en todo o texto». «Esa finalidade non se desenvolve nin como principio nin como dereito nin en ningunha das opcións que contempla en relación ao seu uso ou presenza presente e futura», afirman dende a Mesa, polo que cren que a propia Xunta é a que «desincentiva a posibilidade de que nun futuro inmediato poidan empregarse totalmente en galego» programas como Siri, Alexa ou de IA para o uso administrativo. 

«En plena emerxencia lingüística»

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, di que «parece que para a Xunta non é suficiente a exclusión do galego en todos os ámbitos, e concretamente no dixital e das novas tecnoloxías». «Aínda pretende aprobar unha lei que, dunha maneira escandalosa, incide nesa exclusión, incluso obviando a súa existencia», critica. 

Ao seu xuízo, que «en plena emerxencia lingüística», cuns datos de uso e descoñecemento do galego inéditos, «que a Xunta elabore unha proposta de lei neses termos é indicativo das súas intencións». 

Maceira asegura que este proxecto de lei «engádese ás accións que está promovendo a Xunta en relación coa posibilidade de deixar de empregar o galego na CRTVG, a supresión do requisito do coñecemento do galego para o funcionariado interino, as votacións no Parlamento contra o Plan xeral de normalización da lingua galega ou contra a oficiliadade na UE». 

«É perverso pretender dar imaxe de preocupación polo estado do galego ao tempo que se nega por acción ou omisión a posibilidade do seu uso», remata. 

Dende a Xunta explican que «esta lei, como calquera normativa da Xunta de Galicia, recoñece o galego como lingua propia e garante o seu uso porque así o estipula o Estatuto de Galicia».