Airas Moniz, exemplo de empresa comprometida co medio rural, no foro de La Voz

LA VOZ REDACCIÓN

GALICIA

Xesús, Ana e Ricardo, socios fundadores de Airas Moniz
Xesús, Ana e Ricardo, socios fundadores de Airas Moniz CARLOS CORTÉS

Esta nova cita do foro «O futuro para o mundo rural: retos e oportunidades» pode seguirse este xoves 8 de maio, ás 11.00 horas, en lavoz.es e nos perfiles de La Voz en Facebook e Youtube

07 may 2025 . Actualizado a las 16:07 h.

A súa inquietude por facer algo diferente naceu xa cando eran rapaces. Hoxe en día son unha das grandes queixarías de Galicia e de todo o país. O proxecto de Airas Moniz é o protagonista da nova cita do foro O futuro para o mundo rural: retos e oportunidades.

Este ciclo, organizado por La Voz de Galicia, co patrocinio de Abanca e a colaboración do Concello de Carballo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal, celebrouse nesta ocasión na capital de Bergantiños, no pazo de Villar de Francos. Un almorzo, de aforo reducido, que busca compartir ideas, dialogar e construír un futuro mellor para o medio rural de Galicia.

Como entrevistado nesta cita, Xesús Mazaira, socio fundador de Airas Moniz, explicou como a súa queixaría segue vinculada ao lugar que os viu nacer, Chantada.

Xunto cos seus socios, Ricardo Gómez a Ana Vázquez, Mazaira emprendeu un traballo que se remonta ao 2011 e que tivo como clave recuperar as terras dunha explotación xa existente, cambiar de raza de vaca e facer así un proceso máis respetuoso centrado no pastoreo. Así, os seus queixos, Terra e Savel son dos máis premiados do país. O último galardón recibirono o pasado mes de abril no Salón Gourmets: o premio súper ouro na categoría internacional para exportación.

Ao marxe dos seus produtos, que se convertiron en favoritos dos grandes cociñeiros, Airas Moniz busca amosar o seu compromiso coa Ribeira Sacra, poñendo en valor todo o bo do rural galego. A historia deste emprendemento, xunto coas dificultades que tamén tiveron que superar, foi compartida nun coloquio con Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas e Óscar Salgado, director territorial de Abanca en A Coruña.

Esta conversa emítese este xoves 8 de maio, ás 11.00 horas, en lavoz.es e nos perfiles de Facebook e Youtube do periódico.