













Na mobilización, secundada polo BNG e o PSdeG e convocada pola plataforma Queremos Galego, volveu demandarse a derogación do decreto do ano 2010 e a volta ao consenso iniciado na era Fraga
19 may 2025 . Actualizado a las 15:35 h.Miles de persoas encheron este mediodía as rúas de Compostela en demanda dun futuro mellor para o idioma galego. Convocados pola plataforma Queremos Galego, e coincidindo co Día das Letras Galegas, os manifestantes reivindicaron un cambio na política lingüística da Xunta e a derogación do decreto do 2010, co que o Goberno entón liderado por Núñez Feijoo rompeu o consenso iniciado na era de Manuel Fraga. A mobilización, secundada polo BNG e o PSdeG, e por outras forzas extraparlamentarias como Anova ou Sumar, encheu a praza do Obradoiro en Santiago.
Antes de iniciarse a marcha, na que era visible a presenza de forzas sindicais (sobre todo a CIG), a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a Rueda que «deixe de traballar en contra do galego e o faga en favor da maioría que quere a súa lingua». A líder nacionalista reclamou ao Goberno galego que respecte o gran acordo sobre a lingua, ou Plan de Normalización Lingüística, e consensúe orzamentos e prazos para executalo. «É preciso modificar o decreto da vergoña no ensino que provocou que a xeración educada integramente nel sexa a que menos galego fala da historia», dixo. Na manifestación participaron membros da executiva do PSdeG. Estaban Lara Méndez e a deputada Silvia Longueira. José Ramón Gómez Besteiro, participou no acto da Real Academia en Malpica. O líder dos socialistas galegos pediu «vontade política, traballo, decisión e esforzo» para traballar a prol da lingua todo o ano porque está perdendo «masa crítica». E asegurou que «a Xunta non está a facer todo o que está a súa man».
Na mesma xornada na que José Campos, conselleiro de Cultura e Lingua, volvía facer referencia á necesidade dun gran pacto polo idioma, o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, facía referencia á situación de emerxencia que vive o galego.
«Estamos ante unha mobilización histórica e decisiva. Non nos resignamos a que a nosa lingua perda falantes ou á expulsión do idioma da vida social, do ensino, da xustiza ou da sanidade», asegurou Marcos Maceira, quen anunciou novas iniciativas para que sexa a cidadanía quen tome as rendas. «A Xunta desertou da súa responsabilidade moral e legal; reclamamos que se cumpran os acordos que en máis de 45 anos se foron tomando por unanimidade». O presidente da Mesa lembrou á Administración galega que o pacto pola lingua está na mobilización da cidadanía, que reclama a volta ao consenso roto unilateralmente polo PP. «Poderemos dicir con orgullo que os nosos netos e netas poderán dicir con moito orgullo que a súa lingua existe», prognosticou Maceira.
A mobilización de Queremos Galego vén precedida dunha polémica parlamentaria. Esta mesma semana, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, atribuía unha parte do descenso de falantes en galego á chegada de poboación inmigrante e cuestionaba mesmo a fiabilidade e a relevancia dos datos do IGE en relación ao grao de coñecemento do idioma nos menores de 14 anos. Para a Xunta, o galego é das linguas minoritarias europeas que se atopan nunha situación mellor.
A discrepancia no diagnóstico da situación do galego entre a Xunta e as forzas da oposición afasta, de momento, calquera posibilidade dun gran acordo en favor do idioma.