Pontón chama a ampliar a base social do BNG para construír «unha Galicia en grande»

GALICIA

A portavoz aproveita o Día da Patria para dirixirse a toda a sociedade e abrir as portas da organización nacionalista: «Hai moitas formas de sentirse galegos e galegas e todas son necesarias»

25 jul 2025 . Actualizado a las 16:06 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou a manifestación do Día da Patria -que congregou por Compostela a miles de persoas- para lanzar unha mensaxe dirixida a toda a sociedade e non só aos seus militantes e simpatizantes. A líder da segunda forza política en Galicia, que alcanzou nas últimas autonómicas o récord de 25 deputados, fixo un chamamento para ampliar a base social e «construír unha Galicia en grande». Unha mensaxe de portas abertas, pragmático. «Hai moitas formas de sentirse galegos e galegas e todas son necesarias», asegurou a portavoz, un posicionamento que contrasta co defendido polo partido maioritario da fronte, a UPG, partidario de fidelizar o voto con ideoloxía nacionalista para que poida consolidarse nun futuro. Pontón propuxo acoller no BNG a todas as persoas que levan «Galiza na cabeza e non corazón» para ampliar o apoio social e electoral a un Bloque que quere ser a casa común de todos os galegos e as galegas. «Fronte á corrupción rampante do bipartidismo, un BNG que nunca tivo un condenado por corrupción e que serve ao país coas mans limpas», dixo.

Ante milleiros de personas na Praza da Quintana, a líder do Bloque asegurou que hai que ir transformando ese enorme amor ao país e esa esperanza nun futuro mellor en consciencia política e en apoio electoral. «Ese é a nosa labor primordial e o noso maior reto nestes intres históricos que vivimos», destacou na súa intervención.

E nese camiño, alertou Pontón, seguirán os ataques contra o BNG, por terra, mar e aire, con «descualificacións propias do estilo da dereita máis montaraz para reducir o apoio social ao Bloque», pero seguirán fracasando, augurou a portavoz, «porque a sociedade mudou e quere unha Galiza máis dona de si, máis próspera e avanzada e por iso o cambio é imparable».

Pontón destacou na súa intervención o contexto estatal que non defrauda, dixo, sempre coa súa crispación, cloacas e a sempiterna corrupción do bipartidismo PP-PSOE, «ambos atados ao colar do mesmo amo: as grandes corporacións que se forran con esa corrupción».

«Corrupción que en Galiza coñecemos ben a través do PP, empezando polo mesmo Feijoo que agora pretende dar leccións de ética, tras pasarse anos como presidente da Xunta adxudicando miles de contratos a dedo á empresa que dirixe a súa irmá. E agora, Rueda, alumno avantaxado de Montoro, que cambia as leis a medida dos intereses do lobby eléctrico e mineiro», sostuvo la portavoz nacional del BNG.

Pontón lembrou que despois de 40 anos gobernando institucións moi importantes non teñen nin un só condenado por corrupción. «O noso compás é claro: servir ao país e non servirse do País, e facémolo coas mans limpas e a cabeza alta», argumentou, ao tempo que atribuiu o mérito desa maneira de facer política aos milleiros de militantes e simpatizantes que son o maior activo do BNG.

Por iso hoxe, alegou Pontón, o Bloque «é a gran esperanza da cidadanía» que se rebela contra ese «deseño centralista do PP»; que se rebela contra o goberno de Rueda «convertido no máis desleal da historia»; o mesmo, dixo, que «está vendendo o país a prezo de saldo, facilitando o espolio do aforro, da riqueza eléctrica e das materias primas». «Altri non, Galiza si», proclamou, para indicar que coa forza da xente, «imos pararlles os pés e gañar esta batalla», a un Executivo popular que, ademais, empeora a vida da xente con recortes e privatizacións dos servizos públicos.

«Pontón tamén adicou parte da súa intervención ao contexto internacional marcado polo xenocidio do pobo palestino ante a conivencia dunha Unión Europea. «Falar claro é denunciar o imperialismo ianqui que Trump e súa oligarquía mostran con total descaro, empeñados en someter ao mundo aos seus intereses, e condenar a barbarie do estado criminal de Israel sobre Palestina, mentres a UE mira para outro lado. Os que falan agora de autonomía estratéxica europea para ser cribles deben empezar por dicir non ao 5% do gasto militar e por dicirlle a Trump que non queremos nin as súas bases nin a súa OTAN», alegou.