Besteiro defendeu en Rianxo un «galeguismo útil. O que propón. O que actúa. O que resolve»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

GALICIA

Besteiro, xunto a compañeiros de partido, diante do busto de Castelo no paseo da Ribeira de Rianxo.
Besteiro, xunto a compañeiros de partido, diante do busto de Castelo no paseo da Ribeira de Rianxo. CARMELA QUEIJEIRO

O secretario xeral do PSdeG falou do problema da vivenda, reivindicou máis autogoberno e tamén a creación dun novo modelo de financiamento no acto que os socialistas celebraron no Día de Galicia

25 jul 2025 . Actualizado a las 14:27 h.

Os socialistas galegos volveron, un ano máis, a Rianxo para festexar o 25 de xullo. Fronte ao busto de Castelao, no que fixeron a tradicional ofrenda floral, José Ramón Gómez Besteiro defendeu unha «Galicia federal, con voz propia. Unha terra sen fronteiras mentais, sen etiquetas que dividan».

O secretario xeral do PSdeG-PSOE insistiu nunha idea de país «que non se resigna e que quere avanzar», reivindicando un «galeguismo útil. Galicia non é unha bandeira que se saca en festivos. Galicia é unha causa diaria».

Falou do problema da vivenda, que está a provocar unha situación que «golpea á mocidade, empobrece á clase traballadora, retrasa proxectos de vida e agranda a fenda social». Denunciou que o Goberno autonómico «non fai nada. Liberalizar, desregular... como no 2007. Xa sabemos como remata iso: burbulla, crise, sufrimento».

Puxo en valor, en contraposición, o traballo do concellos socialistas e do Executivo central, ao impulsar vivenda protexida, regulación das vivendas turísticas, declarando zonas tensionadas, o banco público de alugueiro ou a rehabilitación e a loita contra a infravivenda: «Iso é galeguismo útil. O que propón. O que actúa. O que resolve».

Na súa intervención, Besteiro tamén sinalou ao PP e ao BNG. Dos populares dixo que miran para Galicia dunha forma "cada vez máis ultra, máis reaccionaria". Acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de seguir sendo o «vicepresidente de Feijoo, sometido ás ordes do PP máis rancio. Rueda non preside, obedece e non aos intereses de Galicia».

Pola súa banda, sobre a formación liderada por Ana Pontón apuntou que practica un «nacionalismo excluínte», que «fala no nome do país pero non lle pregunta». Lamentou que non apoiase no Congreso «a suba das pensións, a rebaixa das peaxes nin o decreto para impulsar as enerxías limpas».

Así, defendeu «a Galicia do socialismo. A da esquerda e a do progresismo. Hoxe Galicia é un proxecto que funciona grazas ao talento e talante dun pobo traballador e intelixente. Galicia é unha historia de éxito. É imprescindible crer niso».

Un país de todos

«Non sinto que Galicia sexa miña. Nin creo que lle pertenza a ninguén», advertiu Gómez Besteiro, e engadiu: «Galicia é de quen a coida, de quen a defende, de quen traballa por ela veñan de onde veñan».

Por iso, sinalou que «temos que defender este discurso con forza e con dignidade fronte a quen, como Rueda e o seu Goberno, négase a acoller nenos e nenas migrantes que foxen de crises humanitarias».

No peche da súa intervención, o portavoz dos socialistas apelou a un galeguismo do século XXI, «aberto, orgulloso, ambicioso, solidario e creativo». Reivindicou máis autogoberno, máis recoñecemento político e un novo modelo de financiamento «singular, que atenda as nosas características. Suficiente, para cubrir as necesidades. Corresponsable, sen trampas fiscais e solidario, porque Galicia tamén dá e recibe solidariedade».

A concelleira rianxeira Tamara García foi a encargada de abrir o acto asegurando sentirse «profundamente orgullosa de ser galega» e dicindo que «non se pode gobernar de costas a esta terra e a quen vive nela». Tamén falou o portavoz municipal, Óscar Rial, que resaltou que José Ramón Gómez Besteiro «representa a esperanza dunha Galicia máis xusta, máis forte e máis nosa».

Boroa, a formación musical integrada por Suso Bello e Sabela Olivares, puxo a nota musical, finalizando co himno galego e ao son da Rianxeira.