O BNG e a Fundación Galiza Sempre organizan un simposio para reivindicar a Castelao: «Denunciaría a nefasta xestión na vaga de lumes»

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

A secretaria de Organización del BNG, Lucía López, e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, na presentación do simposio.
A secretaria de Organización del BNG, Lucía López, e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, na presentación do simposio. NICOLÁS SATRIANO | EUROPAPRESS

O acto terá lugar o 8 de novembro en Santiago e contará coa participación de máis dunha decena de especialistas para abordar a figura do escritor en todos os ámbitos

18 sep 2025 . Actualizado a las 16:11 h.

Reivindicar a Castelao a todos os niveis é o obxectivo do simposio que presentaron este xoves o BNG e a Fundación Galiza Sempre. O evento, que terá lugar o vindeiro 8 de novembro na Facultade de Comunicación de Santiago, abordará a figura do escritor «dun xeito integral», dende o punto de vista literario, artístico, político e persoal. 

Afirma o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, que o acto será «o máis potente» dos que se veñen celebrando durante este ano polo 75 aniversario do pasamento de Castelao. Pola súa banda, a responsable de organización do BNG, Lucía López, engade que o simposio nace co obxectivo de «situar a súa obra [de Castelao], o seu compromiso e a súa visión de Galiza no centro do debate político e social de hoxe». 

O acto contará coa participación de 15 figuras destacadas no estudo de Castelao en todas as súas vertentes. Intervirán xornalistas, escritores, profesores e investigadores especializados en política, historia, arte e deseño gráfico. E todas as intervencións, que conforman un «panel de luxo» segundo apuntan os promotores, quedarán recollidas nun libro que se publicará a finais de ano. 

Durante a presentación do simposio, Lucía López aproveitou para sinalar a que ela considera que sería a posición política de Castelao ao vivir na Galicia actual. «Estaría facendo fronte a un PP que dende o Goberno galego promove o espolio e a depredación (...) e denunciaría a política de abandono e a nefasta xestión fronte á vaga de lumes». Porque o escritor faría gala, engadiu a responsable de organización, da súa famosa frase «vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos».