Máis horas en galego na escola e sen vetar materias, a achega máis frecuente dos cidadáns á reforma do plan de normalización

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

<span lang= gl >A educación, na foto de arquivo o inicio de curso no CEIP de Silleda, é o sector que centra a maioría das propostas</span>
A educación, na foto de arquivo o inicio de curso no CEIP de Silleda, é o sector que centra a maioría das propostas Miguel Souto

As comisións que redactan o documento entregarán o texto a finais de ano, para entrar en debate parlamentario no 2026

14 oct 2025 . Actualizado a las 14:30 h.

Mañá remata o prazo para que a cidadanía faga as súas achegas de cara á reforma do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aínda que como adiantou o presidente da comisión técnica, Manuel González, quen queira aportar algo poderá seguir facéndoo. Foron máis de 300 ideas procedentes dunhas 130 persoas, e delas, insisten os responsables de coordinar o plan, «máis do 80 % están xa previstas sen ningunha dúbida nas comisións, algo importante porque quere dicir que son os temas que lle preocupan á cidadanía». Unha impresión que comparte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lembrou que agora se trasladarán estas achegas ás once comisións que traballan na reforma do plan, co obxectivo temporal de que este ano estea redactado o documento para que no 2026 poida chegar ao debate parlamentario.

Pero como queren mellorar os galegos o estado e o coñecemento do galego? O primeiro que destacou González, acompañado por Valentín García e María Coutinho, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, é que aínda que as propostas son moi atinadas, non son moi numerosas. E sen dúbida a maioría pertencen ao ámbito da educación, en concreto a metade ou case. Delas hai dúas moi coincidentes e relacionadas directamente co no seu día polémico decreto do plurilingüismo no ensino: que o galego poida estar en todas as materias, e incrementar o número de horas impartidas nesta lingua, «a mensaxe que trasladan é: plurilingüismo si, pero non á costa do galego», resume o presidente da comisión técnica.

Hai once grupos de traballo que agrupan a 130 expertos para facer esta reforma, e as achegas dos cidadáns se clasificaron ao redor deses once ámbitos. Curiosamente, o da sanidade apenas tivo propostas, unha situación que pode deberse, apuntan, a que as suxestións chegan maioritariamente de xente nova. Si as houbo, e moitas, no sector dos dereitos lingüísticos, a administración, a educación, a familia e lecer ou a comunicación e industrias culturais. No primeiro deles pídese traballar por un novo modelo lingüístico no Estado que corrixa a situación de inferioridade real, cambiando as leis estatais que actúan como «cortapisas», como por exemplo as de selección de empregados públicos, onde non é esixencia o coñecemento do galego.

No ámbito das administracións hai moitas demandas para que programas informáticos e formularios estean en galego, con especial atención á plataforma Atenea de xestión procesual e ás aplicacións da policía e da garda civil. Apoiar o uso do galego nas notarías ou que sexa un especialista nesta lingua quen xestione as redes sociais dos concellos figuran entre as achegas, así como que nas contratacións para servizos públicos figuren cláusulas lingüísticas.

Primar a profesores galegofalantes

A educación é o sector con máis propostas. Máis ensino en galego, con mínimos que van desde o 50 ata o 75 % e que non haxa materias vetadas, é dicir, que calquera se poida impartir neste idioma. Crear liñas de galego desde infantil, que nas escolas infantís financiadas con fondos públicos —actualmente case todas— se atenda aos cativos en galego, ou máis material en galego de FP son algunhas das achegas. Tamén que se prime o uso do galego por parte do profesorado economicamente ou con redución horaria.

Campamentos en galego

No sector da transmisión patrimonial, familia e lecer, as iniciativas pasan por organizar faladoiros periódicos ou que as accións de verán —campamentos, plans de conciliación...— se desenvolvan maioritariamente en galego, e polo menos o 80 % do persoal acredite un nivel Celga-3.

No sector da comunicación e industrias culturais se propón que haxa probas rigorosas de galego na contratación do persoal da antiga CRTVG, que a canle G2 sexa infantil e de divulgación en galego, ou que a RTVG sexa monolingüe con especial atención aos anuncios e aos entrevistados (priorizando aos que son galegofalantes en condicións similares). Tamén se contempla que so se subvencionen os eventos musicais se teñen unha presenza significativa do galego ou incrementar as axudas para dobraxe e subtitulación en longametraxes de estrea.

Achegas no ámbito da economía, sanidade, sociedade (exames de conducir en galego), galego exterior, (levar máis cine galego a Londres), tecnoloxía e recursos lingüísticos completan as ideas cidadáns para a reforma dun plan que, en palabras de Valentín García, «estamos convencidos de que vai ser un plan moi bo e moi participativo».

O certo é que durante este proceso a Xunta recibiu máis de mil achegas porque ás máis de 300 de cidadáns se suman as de colectivos, institucións, universidades, organismos oficiais e demais entidades que aportaron ideas. Todas se engadirán aos datos sobre lingua publicados polo IGE ou os da Enquisa de percepción social do galego realizada a 1.200 familias con fillos en idade escolar, ademais dos informes achegados por entidades como o Consello da Cultura Galega.