Teño leiras / I got a lot of leiras/ Teño leiras / Teño un montón de leiras. (Boyanka Kostova)
Unha persoa propietaria dun territorio cando toma a decisión estratéxica de investir 1 euro en 5 plantas de piñeiro, ¿canto valor engadido xera en Galicia? Non o sabemos.
Sabemos que esa decisión estratéxica mobiliza unha empresa de enxeñaría forestal e de servizos para aplicar un modelo silvícola (desbroces, podas, desmestas), mobiliza os viveiros de produción de planta, activa máis de 120 serradoiros no medio rural que ofrecen máis do 40 % da madeira serrada no Estado, empregando a máis de 7.400 persoas no medio rural. Os seus subprodutos mais o puntal dese piñeiro do monte, dinamiza as empresas de taboleiro e madeira técnica con sede aquí no país, estas á súa vez fornecen as carpintarías industrializadas do contract que acabarán instalando unha tenda de roupa en Singapur, aliás tamén a construción dun edificio de nove plantas en estrutura de CLT de pino de Galicia como vivenda social. Todo xerado e transformado aquí en Galicia, 3.000 millóns de facturación, 23.000 empregos directos, dous puntos do PIB de Galicia, a partir dese euro e as cinco plantas. Unha decisión estratéxica da propiedade forestal.
Nos últimos tres lustros perdéronse case 10.000 hectáreas cada ano de piñeiral, necesitamos duplicar o ritmo de plantación de piñeiros non para expandir a súa superficie, senón para manter a que hai.
A decisión anunciada sobre a moratoria ás novas plantacións de eucalipto e a súa prórroga até o 2030, se ben era unha demanda da Fundación Arume, esixe unha relevante cautela ante as dúas medidas de flexibilidade anunciadas. O Plan Forestal de Galicia, aprobado por ampla maioría no Parlamento de Galicia, sinala unhas superficies máximas a atinxir en cada quinquenio até 2040, que finalizaría cunha redución de como mínimo un 5 % da superficie de eucalipto respecto do inicio do período. Cómpre publicar, e xa é unha situación insostible, os dados do Inventario Forestal Continuo de Galicia do ano 2024 coa fin de machear estes dados coas superficies máximas que indica o plan forestal, e esta práctica tería de ser obrigatoria cada ano.
Cautela ante a definición de «piñeiros gravemente afectados pola banda marrón», precísase unha cartografía previa e pública da superficie que estaría baixo esta definición e os criterios da mesma.
Cautela ante os dereitos de superficie xerados por transformación en coníferas e/ou frondosas: se son utilizados para poñer a producir montes rasos ou improdutivos, benvidos; se son para substituír piñeirais ordenados en plena produción fraco favor estaremos facendo ao país.
Cautela nos tempos de actuación, paso un, priorizar a redución de superficie previamente para xerar un slot nos intercambios de superficie e polo tanto xerar un traballo secuencial, ou non será; descoñecemos se haberá publicación por cada movemento de ambas as dúas medidas e que poida ser coñecida e auditada pola xente do común.
Cautela ante unha moratoria máis complexa que a anterior e onde a Administración forestal ten un papel relevante na autorización nos movementos de ambas as dúas medidas, unha Administración absorbida na súa maioría pola extinción de incendios e sen estrutura desligada deste mester e polo tanto non operativa para a xestión do territorio.
A tramitación parlamentaria que se inicia, unha oportunidade de dar soporte e cultivo á cadea de valor xerada polo piñeiro aquí en Galicia.
De calquera xeito, como canta Boyanka Kostova: Teño uns piñeiros marcados /No monte de aquí ao lado /Tallábaslle un corazón a todos cunha navalla se ti quixeras.