O potencial humano e os retos de Galicia
GALICIA
Discurso íntegro do premiado na LXVII edición dos Fernández Latorre
04 dic 2025 . Actualizado a las 20:31 h.As miñas primeiras palabras son para agradecer ao Padroado e ao Xurado da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre a concesión do premio deste ano. O galardón éncheme de orgullo e honra por proceder non só da fundación, senón polo seu significado. Por iso, síntome moi ledo, cheo de ledicia.
Permítanme unhas breves palabras para amosar o meu máis profundo agradecemento e transmitir a fonda satisfacción que agora mesmo teño ao recibir o premio. Son momentos de emoción persoal; e agardo contaxialos cos sentimentos que agroman no meu maxín.
Levo arredor de 35 anos asistindo como convidado á entrega do Premio Fernández Latorre. Foi na planta nobre do edificio de Concepción Arenal onde vin por vez primeira outorgar o Premio; e foi, o pasado ano, neste espléndido museo, cando Juan Carlos Escotet recibiu o derradeiro galardón.
Ao longo deste período escoitei aos distintos premiados discursos que salientaban tanto as achegas individuais levadas a cabo por eles mesmos coma os compromisos desenvolvidos a prol da sociedade no seu conxunto. En todos os discursos as palabras máis reiteradas foron esforzo, talento, dedicación, compromiso, responsabilidade, solidariedade e, finalmente, transferencia de coñecemento.
Estas pautas dan conta do potencial humano que xera Galicia; así coma do nivel de asunción e toma de conciencia nas posibilidades existentes no porvir que ten a Nosa Terra.
O dinamismo dun país vese reflectido non só polo número de persoas que nacen ou habitan neste espazo xeográfico; nin polo seu nivel de formar equipos; senón polo compromiso en definir obxectivos e acadar resultados notables nas áreas máis necesarias. Aquí radica a esencia dun país e dunha sociedade.
Por iso, cómpre render homenaxe á figura do anterior presidente da Fundación, don Santiago Rey Fernández-Latorre, home supercomprometido con Galicia; defensor desta terra e dunha sociedade con valores firmes e sólidos dos que non abdicou en ningún tempo; emitindo dende a súa trincheira discursos e editoriais cheos de recomendacións e de críticas diante de calquera perda de oportunidades para o noso país. Ao recibir este premio, quero expresar o meu recoñecemento á súa figura, ao seu traballo e ao seu legado.
Unha das características comúns desta entrega do premio nos derradeiros anos foi que as premiadas utilizárono para presentar as súas reivindicacións. Marisol Soengas, no 2023, defendeu a necesidade de máis fondos para a investigación, reivindicando vocación, talento, paixón e esforzo para acadar avances na pescuda científica; María Emilia Casas, no 2017, enfatizou sobre a necesidade de contar con institucións públicas firmes na defensa dos valores que fagan prevalecer os conceptos irrenunciables de preservar a unidade, fomentar a solidariedade e facer prevalecer a legalidade; reivindicando un ordenamento que inclúa os valores da liberdade, igualdade, xustiza e pluralismo político mediante unha interpretación evolutiva da Constitución. E Nadia Calviño, no 2020, fixo mención a aqueles que se dedican ao servizo público, cuxos traballos son básicos e necesarios para o desenvolvemento dunhas funcións que dan soporte ao eficiente funcionamento dos servizos e das Administracións públicas. Concordo e subscribo todo o que dixeron.
Permítanme, xa que logo, que eu, tamén, subliñe a miña reivindicación: «Actuar contra a polarización extrema; contra aqueles que alentan a crispación e contra dos que poñen obstáculos permanentes e obstrúen as labores comúns. Estar a favor do acordo, do consenso, das normas establecidas e da lealdade institucional».
Tal pronunciamento non quere dicir un abandono das posicións propias, particulares e dos principios e sistema de valores definidos e aceptados por cada un de nós; senón de buscar vías de entendemento entre pensamentos dispares e diferentes. Por iso, pido e reclamo «amplas doses de serenidade»; e de acougo.
Ben sabido é que os retos que ten Galicia son máis abordables dende un maior nivel de colaboración mutua entre todos, que cada un tirando polo seu lado. Así, por exemplo,sabemos que debemos seguir apostando pola modernización económica, institucional e social de Galicia. Todos concordamos no compromiso na defensa dun corredor de transportes que aumente a nosa conectividade e inserción nacional e internacional, estamos de acordo en fomentar e impulsar o uso das tecnoloxías avanzadas, para evitar unha marxinación e un retraso na incorporación á nova sociedade posindustrial.
Non temos dúbidas en afrontar a defensa do patrimonio histórico e os legados culturais existentes e dispersos no País. Dificilmente deberían existir distancias entre nós no que concirne á defensa da biodiversidade; e na aplicación de accións a prol da sostibilidade ambiental e a mitigación de riscos. Coincidimos en que o problema da vivenda non só existe, senón que é preocupante. E, finalmente, para non excederme, demandamos uns servizos públicos universais, gratuítos e eficientes que impidan situacións de pobreza e que reduzan as fendas entre todos nós.
Afrontar estas tarefas esixe reforzar as capacidades de diálogo e a vontade de entendemento. De aí que, continua e reiteradamente, teime en xerar unha «atmosfera global positiva» para conquistar os fins propostos.
Iso mesmo vén de reivindicar o premio Nobel de Economía, Daren Acemoglu, no Global Summit celebrado baixo os auspicios do Concello de Vigo e da súa Zona Franca, apuntando que o desenvolvemento social e económico dun país, rexión ou cidade require dun bo funcionamento das institucións; xa que son elas quen desenvolven un papel básico, determinante e influínte.
Mais non son eu quen deba propoñer un marco de accións para enmarcar as condutas a seguir, aínda que si debo salientar dúas recomendacións que podemos comezar a practicar: a primeira, empezar por «relegar as discordias a un segundo plano»; e, a segunda, deixar de pensar e dicir esa frase reiterada nos debates políticos: «Canto peor, mellor».
Son un profesor universitario e, en ocasións, fun responsable público. Baseándome na miña condición de profesor quixera analizar e auscultar a sociedade na que habitamos e propor algunhas suxestións.
Por una banda, vivimos nun mundo con moitas incertezas. E, pola outra, asistimos a fondas transformacións dunha sociedade en permanente transición cara a unha nova era, onde os factores de resiliencia son máis tidos en conta.
Pasamos dun mundo globalizado a un fracturado por bloques económicos rexionalizados; dunha economía moi aberta e con escasas restricións a unha nova situación onde prima o proteccionismo; dunha colaboración multilateral á predominancia do bilateralismo; e á fronte dos principais gobernos emerxen autarcas con trazos ditatoriais.
Asemade, novas preocupacións a ter en conta: as derivadas da falta de acordos para afrontar o cambio climático e as necesidades de abordar investimentos nas políticas de defensa. E sobrevoan dúbidas vinculadas ao desenvolvemento da IA, aos compoñentes éticos da sociedade e aos dereitos de propiedade intelectual. En suma, un mundo incerto e volátil.
Baixo estas circunstancias, considero que cómpre seguir algúns destes sete mandamentos. Primeiro, identificar o esencial. Ou sexa, concentrar esforzos nun obxectivo, porque a dispersión de esforzos resulta unha das maiores ameazas para o éxito. Segundo, apostar polo talento. É dicir, o enxeño supera á forza. Cando os recursos materiais son limitados, a creatividade pode chegar a compensar calquera carencia. Terceiro, delegar con sabedoría. Buscar equipos cohesionados cunha confianza estratéxica para optimizar ao máximo o talento existente e podelo incorporar.
Cuarto, medir o retorno dos recursos. As vitorias non se miden pola extensión do campo gañado, senón pola eficacia das accións levadas a cabo. Quinto, prepararse para o inesperado. As condicións do terreo poden variar rapidamente, e debemos estar preparados para adaptarnos ás novas circunstancias e contornas. Sexto, liderar con exemplo. Moitos líderes estragan recursos, e iso se transmite ao longo da organización. Sétimo, fomentar a colaboración. A forza reside na unidade. Implica fomentar a cooperación, transparencia e empoderamento.
De seguir estes mandamentos aumentariamos a nosa fortaleza, cumpririamos obxectivos e non teriamos que andar pechando fendas.
Son optimista, e polo tanto, creo nunha Galicia con capacidade de resposta. Aposto polo progreso e o benestar común. Reivindico a colaboración mutua e recíproca entre todos nós. E invito a todos a compartir esta proposta.
Tan só un parágrafo máis, e remato. Moitas grazas a La Voz de Galicia por acoller dende hai anos as colaboracións e artigos que lles envío. E, finalmente, como dixo un bo amigo, formo parte de eses expresidentes que non somos xarróns chineses; pois, ao ser de lousa de Sargadelos, pódese facer uso deles todos días.