A tristura dun Merlego sen celtistas

La Voz VIGO

GRADA DE RÍO

CEDIDA

A sede de Merlegos Celestes, punto de encontro do celtismo en Santiago, celebrou o seu aniversario más amargo, aínda que sentindo na distancia o apoio dos peñistas

26 abr 2020 . Actualizado a las 10:51 h.

O Merlego leva tempo convertido nun lugar de encontro para o celtismo en Santiago, ademais de ser a sede da peña Merlegos Celestes. Coma todos os establecementos de hostelaría, pasa estes días pechado e ante a incertidume de saber cando poderá reabrir as súas portas. Así celebrou o seu decimosexto aniversario o 24 de abril, unha data na que o seu dono e presidente de Merlegos, Miguel Barja, daba as grazas aos que «seguen enchendo o local aínda que sexa na distancia por esta situación crítica que se está a vivir».

Barja fala dun momento difícil e de tristura. «Teño moitas ganas de volver ver os partidos do Celta co bar cheo, cantando a Rianxeira e soando a sirena ao mesmo tempo», comenta sobre a maneira en que celebran alí cada vez que o equipo ve portería. Agora, en vez de iso, o baleiro e o silencio. «Pensas en tantos partidos co bar a tope e agora está baleiro, coas bufandas alí colgadas… Sintes tristeza e medo de pensar que poidas ter que pechar», expresa.

Polo de agora, esa opción non está enriba da mesa, pero Barja non sabe o que pode pasar. «Ves que non ingresas nada e todo son gastos. Eu, precisamente porque son optimista, pensaba que ía ser menos tempo pechados», indica. E engade que non sabe para canto poden dar os «poucos aforros» que ten. «Reducimos a factura de Movistar e a potencia da luz, intentas reducir gastos para que o hostiazo sexa o menor posible. Pero hai moitos gastos que tes que afrontar igual e seguimos sen unha data para reabrir», lembra.

Nos inicios tiveron unha pequena axuda a través da iniciativa Adopta un bar. «Chamoume o presidente da Peña Dani Abalo, díxome que me metese nea páxina e sorprendeume gratamente. Empezou forte coa novidade e a xente quería facer pedidos para colaborar. Pero agora está moi parado», lamenta. Aínda así, segue notando o alento dos peñistas e do resto do celtismo. «Estou en varios grupos de WhatsApp e si que mandan ánimos e din que pronto volveremos xuntarnos. Recordas os partidos grandiosos co bar cheo e é unha mágoa», insiste.

A través da súa cuenta de Facebook, ademais, dedicaba unhas emotivas verbas aos que tratan de arroupalos nestes momentos. «Grazas aos que se acordan de nós axudando como poden para que o seu Merlego siga vivo, alo menos un ano máis. Dia a dia, ano a ano, partido a partido. Grazas de todo corazón», escribía. E tamén compartía un texto que lle fixeron chegar estes días: «No Merlego non hai castiñeiros que sean sombra no sol de agosto pero si hai persoas que dan calor neste momento que quizais sexa o mais frío destes últimos anos», concluia esa misiva moito máis extensa.

Negocio aparte, tamén como afeccionado bota de menos gozar do seu equipo. «Pero case prefiro que se prolongue no tempo se con iso todo pode volver a ser coma antes. Non me vexo nun campo a tres metros do meu fillo ou da persoa que sexa vendo un partido», analiza. Do mesmo xeito, cre que será moi difícil recuperar a normalidade anterior á pandemia se non se atopa unha vacina ou un tratamento para combater o coronavirus.