O Celta recupera a coexistencia harmónica de galego e español en Twitter

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

A conta en galego creada hai algo máis dun ano pasa a ser unha canle de comunicación co celtismo baixo o nome de @XuntosRCCelta

21 sep 2023 . Actualizado a las 23:10 h.

O Celta vive un período de cambios e entre os que se anunciaron este xoves, aparte dos relativos ao organigrama, tamén houbo un importante que atinxe á comunicación en redes socais. A finais de xaneiro do 2022 anunciábase a creación dun perfil específico en Twitter en lingua galega, desaparecendo esta por completo do principal. Agora, e trala saída o pasado verán do equipo de comunicación que decidiu dar ese paso, o club volve á situación anterior e dá novo uso e novo nome á conta creada daquela, que pasa a ser @XuntosRCCelta.

A nova aposta da entidade galega pasa por «recuperar o peso perdido pola lingua galega na conta principal do club na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter), onde volverá a coexistir co castelán de forma harmónica e natural. A conta @RCCelta ofrecerá contidos tanto nunha lingua como na outra, tendo sempre presente o deber histórico do club na difusión do idioma galego», anuncian nun texto publicado na súa web. Engaden que «como consecuencia desta decisión, o RC Celta di adeus ao perfil de X (Twitter) en galego, @RCCeltaGL, para dar paso a @XuntosRCCelta, unha nova canle de comunicación destinada a achegar, aínda máis, o club á afección celtista».

Expón a enitdade que a reconvertida conta ponse en marcha «co obxectivo de ser un nexo de unión estreito entre o club e a comunidade celeste, especialmente a máis cercana. Un espazo onde as peñas celtistas, e os afeccionados en xeral, terán un papel destacado». A pretensión é que sexa «unha liña directa de comunicación cos celtistas para a resolución de dúbidas, incidencias e outras cuestións, apoiando a importante labor que xa realiza o servizo Escoitamos. Tamén informará de todas as actividades presenciais organizadas polo club que podan ser de especial interés para o celtismo en Galicia». Establecen, así mesmo, a meta de «seguir traballando intensamente nesta estratexia de achegamento ao afeccionado». 

O Celta lembra que «naceu para representar a Galicia, aos galegos e ás galegas, na nosa terra ou na diáspora». «Agora, como único club galego presente en Primeira, o club vigués ten, máis que nunca, o deber de cumprir cun mandato que emana dos mesmos piares fundacionais da entidade: abanderar Galicia no fútbol e sociedade», expón. «Entenden que esta responsabilidade abrangue a representación, pero tamén a difusión e defensa dos nosos sinais de identidade, entre os que destaca a nosa lingua, o galego. Neste sentido, o papel do RC Celta torna máis importante, se cabe, ante os datos reflectidos polo último informe do INE sobre uso do galego, lingua cooficial, en Galicia: o emprego do castelán supera ao do galego por primeira vez na historia».