Humildade, traballo, confianza e celtismo: a receita de Hugo Álvarez

MÍRIAM V. F. VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

O seu primeiro adestrador dá as claves que permitiron ao ourensán chegar ao primeiro equipo do Celta, onde seque a medrar da man de Giráldez

17 may 2024 . Actualizado a las 21:54 h.

Entre as persoas máis ledas por ver a Hugo Álvarez ser protagonista do triunfo do Celta fronte ao Athletic Club o mércores está Antonio Ensá, o seu primeiro adestrador no Ponte Ourense antes de que o equipo celeste se fixase nel. «É un orgullo ver que alguén a quen coñeciches e con quen traballaches desde tan pequeno chegue a Primeira e faga isto», subliña. Ademais, o actual adestrador do Pabellón Ourense proclama que lles serve para poñer de exemplo aos nenos e que está calando: «Temos unha chea de cativos que veñen coa súa camisola do Celta. E iso antes non pasaba. É un orgullo tamén para o fútbol ourensán», repite.

Ensá mantén a relación co pai de Hugo, Valentín, e nunca perdeu a pista nin ao rapaz nin á familia. Por iso, aínda que desde o debut en Primeira pasaron case tres anos, sabía que seguía dando pasos para chegar á elite. «Seguimos o filial, onde estivo moi ben o ano pasado e este, e seguía adestrando arriba, sempre con humildade. Hai xente con condicións espectaculares coma el que non chega, pero sempre confiamos», sinala. Considera que esa humildade foi un valor para chegar ata onde está. «Hai xogadores que deseguido esquecen de onde veñen, e non é o seu caso», asegura.

O que foi o técnico de Hugo nos inicios destaca outros tres aspectos que cre que o conduciron a dar chanzos seguros: o traballo, a confianza en si mesmo aínda que viñeran mal dadas, e o celtismo. Sobre isto último, quedaron poucas dúbidas cando non se deixou tentar por Madrid e Barcelona, como relevaba seu pai a La Voz no 2021. Ensá sempre lembra que, estando xa en Vigo, dixo nunha ocasión que se saía de alí, era para volver a Ourense. «Tantos anos na base xeráronlle ese sentimento tan forte», lembra sobre un xogador que foi elixido o mellor de La Liga Promises con Xavi Simons, pero que nin en contextos coma ese deixou de «ter a cabeza no seu sitio», comenta; os pais, engade, teñen aí unha gran responsabilidade.

Tampouco estivo xamais en dúbida a súa capacidade de traballo. «Dá en cada adestramento o 100 %. Xa desde pequeno, era unha persoa insistente, constante, que non se desanimaba, seguía traballando se as cousas non saían», conta. Aparte de que os seus fixéronlle ter presente que tiña que pensar máis alá do deporte e ter plan B, continuando cos seus estudos universitarios. «Sabendo que o que máis lle gustaba era o fútbol, inculcáronlle que non podía descoidar outras cousas», afonda.

Partindo de que non se pode meter na súa cabeza, a Ensá non lle sorprende especialmente que Álvarez Antúnez convivise tan ben coa presión de xogar en Primeira nun Celta que se xogaba a vida e saíndo desde o banco cun marcador adverso. «Sempre soubo controlar as súas emocións e responder a calquera situación á que se enfrontase. Seguro que as súas revolucións estaban ao máximo, pero demostrou que o traballo ten froito», engade. Di que a confianza en si mesmo que está desprendendo é outro dos trazos que debuxan a súa personalidade.

Ver ao ourensán nestes escenarios é unha satisfacción para todos os seus técnicos e o primeiro deles di que se está a demostrar que todos os que confiaron nel tiñan razón. Pero fai mención especial a Claudio Giráldez. «Ata este partido, púxoo titular en todos desde que chegou. Coñéceo ben, sabe o que pode dar e el está respondendo e parece que se está consolidando. É unha gran ledicia», sinala. Para o seu primeiro técnico, ademais, dobremente, porque Ensá se confesa seareiro do Celta. «Estar coa emoción de que te xogas o descenso e ver que o resolve alguén con quen conviviches e que tratas coa súa familia é unha auténtica marabilla», valora.