Javi Rodríguez, tras debutar en Primeira: «Os soños cúmprense» 

LA VOz VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

O canteirán fala de como viviu o partido fronte ao Valencia 

21 ago 2024 . Actualizado a las 20:41 h.

O canteirán do Celta Javi Rodríguez Galiano (Poio, 2003) falou cos medios do club sobre como viviu a súa estrea na máxima categoría, fronte ao Valencia na primeira xornada de liga o pasado venres. «Debutar na Primeira División co Celta é un soño, e máis para min, que son canteirán desde moi pequeno, levo aquí desde benxamíns, pasando por todas as categorías inferiores», sinala. E non se esquece de mencionar que tivo «algún pequeno bache» no que puido estar fóra. «Pero ao final seguín aquí», celebra.

Este novo paso é «un orgullo» para el e conta como viviu o momento. «No minuto 30 mándanme quecer, prepárome no descanse e dinme que vou entrar», relata engadindo que se sentiu moi contento e non pesou en nada en concreto máis que en fadelo «o mellor posible dentro do campo e aportar ao equipo». «Xogar en Balaídos con toda a afección fai moita ilusión», subliña.

Explica que tivo nas bancadas aos seus irmáns -xemelgos e menores ca el-, seu pai, un tío e un curmán, mentres que súa nai, como contaba ela a La Voz hai uns días, non puido estar por atoparse traballando. «Enteirouse despois. Estaban moi emocionados por verme alí, diante de tanta xente, algo que igual nin pensaran nunca e que, por sorte, puido darse», detalla.

A intención de Rodríguez Galiano é «aportar dentro do campo unha boa saída de balón, estar contundente atrás e intentar darlle o mellor ao equipo». Un equipo que o acolleu da mellor maneira desde que se sumou á pretempada. «Desde o primeiro día, tratáronme moi ben, non teño queixa», apunta.

Feliz de debutar nun Balaídos practicamente cheo, conta con que este vindeiro venres sexa similar. «Espero poder repetilo ou mesmo melloralo. Ademais, no aniversario do club tamén é moi bonito. Esperemos dar unha alegría á afección», di.

E remata as súas verbas cunha mensaxe para os rapaces da canteira que aspiran a conseguir o que el acaba de acadar. «Animo a todos os canteiráns a que loiten, a que pelexen ata que non lles deixen máis. Nunca sabes se vas poder debutar ou non, entón, dá o mellor de ti e a sorte dirá», antes de constata que «os soños se cumpren».