Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Rondalla do Centro Recreativo Cultural de Torroso amenizará os prolegómenos do Celta-Athletic

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Xoán Carlos Gil

O club vigués anuncia unha nova actuación musical esta temprada en Balaídos logo das de Fillas de Cassandra e Abraham Cupeiro

19 ene 2025 . Actualizado a las 00:08 h.

O Celta anunciou este venres unha actuación para a previa do partido contra o Athletic Club deste domingo en Balaídos (14.00 hora), o primeiro do 2025 e para o que, como xa vén sendo habitual, non quedan entradas dispoñibles. A entidade manifesta que quere «aproveitar a oportunidade para homenaxear unha das tradicións máis arraigadas do sur de Pontevedra, as rondallas», motivo polo que contará coa Rondalla do Centro Recreativo Cultural de Torroso ás 13.45.

Din que queren «agradecer a entrega e apoio incondicional do celtismo no Bernabéu regalando un momento único de unión e orgullo cultural, que permita volver con máis forza, se é posible, á competición ligueira». Queren contribuir a dar a coñecer «un dos movementos musicais máis singulares da área metropolitana de Vigo». Lembran que se trata de formacións centenarias que emerxeron a finais do século XIX, «sendo moito máis que unha agrupación musical, senón todo un símbolo de unión do pobo». Engaden que destacan pola variedade dos seus integrantes, persoas de todas as idades, e polo carácter popular dos seus instrumentos, desde ventos e cordas ata percusión improvisada con cunchas e botellas.

Antes de que os xogadores salten ao terreo de xogo, a rondalla do Centro Recreativo Cultural de Torroso a encargada de «caldear o ambiente coas súas reinterpretacións de cancións populares e festivas». Serán un total de 130 músicos, de idades comprendidas entre os dous e os 86 anos, que levarán esta tradición a todo o mundo, subliñan, a través do sinal dun partido que se retransmite en máis de 170 países.

Na presente tempada xa actuaran en Balaídos Fillas de Cassandra e Abraham Cupeiro. Agora, mediante esta nova posta en escea, búscase «amenizar os prolegómenos e homenaxear a unha arraigada tradición que forma parte da identidade galega e a todas as rondallas da área de Vigo». Mencionan, ademais, que a cita máis importante desta tradición é o día anterior ao partido, coa final do gran certame de rondallas, un encontro anual no que participan 14 rondallas entre a que tamén está a do Centro Recreativo e Cultural de Torroso. Recomendan á afección accede ás súas butacas con antelación.