Hugo Álvarez: «Hai que ter os pés na terra e disfrutar, isto sucédelles a poucas persoas»

GRADA DE RÍO

O ourensán, que non se sinte asentado en Primeira, admite que Giráldez lle cambiou a vida e incide na súa idea de estar no Celta «toda a vida»
26 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hugo Álvarez Antúnez (Ourense, 2003) vive a súa primeira tempada como futbolista da primeira plantilla do Celta aínda que teña ficha do filial. O carrileiro ourensán non considera que xa estea asentado na elite, á que chegou tendo os pés na terra, traballando e disfrutando do momento, sendo consciente que son moi poucos os que acadan o obxectivo. Hugo debutou en Primeira co Chacho, pero foi Claudio Giráldez quen lle cambiou unha vida, que se por el fose, sería toda de celeste. Non lle preocupa seguir levando o dorsal número 30, só poder axudar no campo.
—Que tal a tempada?
—Está sendo unha temporada que comezou moi ben. Tivemos altibaixos, pero o equipo está mellorando moito e aínda temos moita marxe de mellora.
—É o terceiro xogador de campo con máis minutos, que lle di ese dato?
—Estou moi contento de ter tanta participación no equipo e axudar.
—Contaba que ía ter tanto protagonismo tendo en conta que era o seu primeiro ano completo no primeiro equipo?
—Nunca o pensas, só te centras no día a día, pero estou moi contento de disfrutar de minutos no primeiro equipo.
—Leva catro goles e está a dous so seu tope no Celta B cunha volta por diante.
—Estou moi contento por levar eses goles, pero eu estou centrado en traballar.
—O gol ante o Athletic da tempada pasada supuxo media salvación e o seu primeiro tanto na categoría.
—Costoume o primeiro gol en Primeira. Sempre se di que cando entra un, poden entrar moitos máis, e a nivel persoal, quedei moi contento.
—E con catro amarelas...
—Si é algo novo en min.
—Considera que está xa asentado na Primeira División?
—Non, penso que aínda queda moito que traballar para asentarme nunha Primeira División tan complicada. Isto é un proceso longo e hai que seguir dándolle duro para afianzarse na categoría.
—Cales son as claves da súa vida deportiva para conseguir chegar ata aquí?
—Ter os pés na terra, ter tranquilidade e disfrutar do momento, que é algo moi bonito que lle sucede a moi poucas persoas.
—Para chegar a Primeira, hai que ter talento e traballo ou máis cousas?
—As dúas cousas, pero centrarse máis no traballo, que é o no que todos podemos mellorar. Con moito traballo e dedicación, pódese chegar.
—Leva 10 meses no primeiro equipo. En que pensa que evolucionou neste tempo?
—A nivel táctico e físico, tamén a nivel defensivo e de concentración notei un cambio alto.
—Cal foi o obstáculo máis grande que topou para asentarse en Primeira?
—A nivel defensivo e físico, esixen moito máis, e tes que estar concentrado os 90 minutos, porque se te desconcentras nalgunha acción, pode custarche caro.
—A súa vida era moi diferente antes?
—Non moito. Agora vén máis xente aos partidos, ten todo máis repercusión, pero a miña vida segue sendo a mesma.
—Ten ganas de que lle dean dorsal do primeiro equipo ou é algo que non lle importa?
—Non estou centrado niso, estou igual de contento se teño que poñer dorsal do primeiro equipo que do filial.
—Parece que choca un pouco que un futbolista con tanto protagonismo no primeiro equipo leve o 30.
—Xa teño visto números maiores no campo. Aquí o importante é estar centrado no campo.
—Ten contrato ata o 2028, vese no Celta moito tempo?
—Eu, por min, estaría aquí toda a miña vida. Estou como contento e agradecido ao club pola oportunidade.
—Claudio Giráldez cambioulle a vida?
—Podería dicirse que si, que coa súa axuda, eu cheguei ao nivel máis alto e aínda teño moita marxe de mellora con el. Claudio traballa moi ben comigo e estou moi agradecido.
—Cando empezaron a traballar xuntos?
—No primeiro ano de xuvenís.
—Sempre o utilizou neste posto?
—Non, eu rotei moito. Xoguei tanto no medio campo como no ataque ou nos carrís.
—De pequeno, era máis atacante.
—Si, xogaba de media punta e extremo.
—Ás veces, no fútbol dise que ser polivalente é malo. Vostede, que xoga en varias posicións, que pensa?
—Eu penso que é bo sempre que poidas axudar ao equipo en diferentes posicións e iso dáche máis posibilidades de participar. O adestrador tamén ten máis opcións para poñerte a xogar.
—Vostede onde se ve mellor?
—Mentres sexa no campo, eu estou contento e cómodo.
—Pero semella que está máis cómodo de carrileiro zurdo aínda que sexa dereito.
—É a posición na que me está tocando xogar máis neste tempo, pero eu adáptome onde me precisen.
—Cando xoga máis en punta pola ausencia de Iago, está máis limitado?
—Eu adáptome á posición. Aí teño máis participación no ataque. Tamén me gusta moito.
—Que significou o debut coa sub-21? Ve posibilidades de repetir?
—Para min era un soño vestir a camiseta da selección e xogar dous partido foi incrible. Eu sempre estou disposto a traballar no meu equipo e se algún día volve a selección, mellor.
—A chamada da selección pode derivar en mal de altura?
—Non. Se vives con tranquilidade, é algo que vén a maiores, é un premio e unha axuda para seguir mellorando día a día.
«Co Chacho foi unha etapa bonita, sempre lle estarei agradecido polas oportunidades»
Hugo Álvarez coincidirá mañá por primeira vez co Chacho Coudet, o adestrador que o fixo debutar sendo aínda xuvenil en Primeira División en Xetafe no 2021. O céltico di que sempre lle estará agradecido.
—Vaise atopar con Coudet, que foi o adestrador que lle deu a opción de debutar en Primeira.
—É un adestrador ao que lle gardo moito cariño por iso, polas oportunidades que me deu e polo trato que tivo comigo.
—Como foron aqueles tempos nos que subían a adestrar Sotelo e máis vostede sendo xuvenís?
—Foi unha etapa moi bonita. Tratábannos con moito cariño cada vez que subiamos ao primeiro equipo. Ao Chacho sempre lle estarei agradecido.
—Que lle dicía?
—Que traballásemos e o fixésemos igual que nos xuvenís, que non tivésemos medo.
—Con el era máis dianteiro.
—Si, xogaba na parte dianteira.
—Cómo ve o partido do luns?
—Complicado, como todos nesta liga. É un campo que vai a esixir moito, que aperta moito, pero intentaremos levarnos o partido.
—Rival directo, mala dinámica fóra da casa e cinco puntos co descenso, é un partido clave?
—Non estamos centrados agora mesmo na clasificación pero sabemos que temos que dar un paso adiante e esta é unha gran oportunidade que temos.
—Ademais, sen Iago e sen Mingueza.
—Son dúas baixas moi importantes no equipo, pero temos xogadores e plantilla de sobra para suplilos.
—Onde pensa que pode estar o sitio do equipo na clasificación esta tempada?
—Iso vai depender de moitos factores. Se comezamos a sacar partidos fóra da casa, chegaremos a postos moi altos, pero nós pensamos que no traballo diario é onde se ve a posición do equipo e nós estamos contentos e traballando moi ben.
—Pensa que o equipo está preto do nivel máximo?
—Non. Estamos nun proceso de mellora e o equipo pode dar moito máis. Podemos chegar a cotas máis altas.
—Iker Losada sería un máis para a causa?
—Eu non sei nada. Iso non depende nós. É un xogador que coñecemos moi ben nesta casa, e se vén, estariamos encantados de recibilo.
—Vostede como o definiría?
—Un xogador que marca as diferenzas. Ten moita calidade, xa vimos no filial cando compartimos vestiario que, ademais dun líder, é unha moi boa persoa.