A peña Lenda Celeste de Ponteareas pasa a incluír o nome de Damián Rodríguez

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

Os seus veciños renden homenaxe ao xogador do Celta

05 feb 2025 . Actualizado a las 22:12 h.

A peña celtista Lenda Celeste, da súa localidade natal, pasa a levar incluido na súa denominación o nome do xogador do Celta Damián Rodríguez. Trátase dunha decisión que estaba tomada hai tempo e, de feito, levan tempo rexistrados así, pero agardaban o momento de anuncialo, logo das complicadas circunstancias familiares que pasou o canteirán -o club comunicou a perda de seu pai o pasado mes de decembro-. Precisamente, o centrocampista vén de reaparecer a pasada fin de semana fronte ao Valencia.

Foi este mércores cando fixeron público este cambio. «Temos o inmenso pracer de comunicarvos que a nosa peña pasa a denominarse "Peña Celtista Lenda Celeste Damián Rodríguez", na honra do noso veciño e compañeiro Damián Rodríguez», anuncian. A súa nova sede pasa a ser café Goya, rúa Castañal, n°10, Ponteareas, engaden antes de rematar cun «sempre Celta!!».

Damián pasa a converterse no segundo xogador en activo no Celta que conta cunha peña que leva o seu nome tras Iago Aspas. Hai outras con nomes de ex xogadores, caso de Vlado Gudelj (Vigo e A Rúa), Vicente (Domaio), Sergio Álvarez (Catoira), Jorge Otero (Nigrán), Alvelo (Ribeira), Dani Abalo (Vilagarcía) ou Natxo Insa (Vigo), entre outras.