Xulia, unha vida de celtismo na bancada de Gol: «Poden sacarme da grada, pero non poden sacar a grada de min»
GRADA DE RÍO

«Dáme moitísima pena ver como un sitio no que pasei 27 anos vaia desaparecer, aínda que sexa para mellor», conta esta afeccionada
20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Xulia Picón Antolín naceu en Vigo en 1997 e a primiera vez que estivo en Balaídos, sen contar as vividas no ventre da súa na -María Julia Antolín-, xa foi en Gol, a bancada da que este venres se despide con tristura, nostalxia e tamén agradecemento. «Miña nai sempre conta como, tras un mes de darme a luz, non aguantaba máis en casa e acabou levándome a Balaídos no capazo no último partido da tempada 1997, un Celta-Madrid que acabou gañando o Celta 4-0», si sobre aquel salvación con Vlado Gudelj como protagonista. «Pasei todo o partido durmindo, teoricamente xa ía na súa barriga así que igual por iso estaba acostumada ao ruído», engade.
Non foi abonada ata os seis anos porque, daquela, os cativos podían entrar de balde como acompañantes, pero xa son 21 anos, sen cambiar nunca de bancada agás cando a pandemia obrigou. «Cando nos mandaban a outra localización pola distancia de seguridade, tanto meus pais coma min tivemos sorte polo baixo número de socio e puidemos ir a todos os partidos, pero ás veces, mandáronnos a Río Alto», lembra. Para ela, nunca houbo dúbidas: «Prefiro Gol».
Máis alá das anécdotas das que ten coñecemento de oídas, os primeiros recordos propios son «non facer moito caso aos partidos, xogar polos corredores con outros nenos e celebrar os goles sen saber moi ben que estaba pasado». Era así co bo e co malo, por iso a peor lembranza tampouco é tan dramática: «No último descenso tiña dez anos e mirei moita xente chorando, pero eu non era moi consciente do que implicaba», apunta.

Así, a maior decepción que si viviu plenamente foi «o partido de Copa contra a Real Sociedade» da tempada pasada. «Non só tivemos que aguantar a derrota do partido de liga contra eles, senón que volvemos fozar na ferida perdendo dous días despois», lamenta. Ela chegara correndo logo de traballar, «tendo que aparcar case na rotonda de Navia onde o colexio Amor de Dios», a incubando unha gripe. No outro extremo, os momentos máis doces son o ascenso e ir bañarse á praza de América e maila permanencia do 2013: «Saltei ao campo e tiveron que axudarme a subir á grada porque non era capaz», detalla.
A despedida non está sendo fácil para Xulia. «Chorei, non vou mentir. Xa caeu algunha bágoa, porque crecín alí, coñecín moita xente, mesmo persoas que xa non están, e dáme moitísima pena ver como un sitio no que pasei 27 anos vaia desaparecer, aínda que sexa para mellor», sinala. Quere facer algo especial na despedida: «Non sei aínda se levarei flores para deixar no asento, rotuladores para pintalo ou algo, pero quero deixar algo no último partido. Para moita xente, igual é unha parvada pero vivín moitas cousas nesa grada».
Tamén se anotou para ir de abandeirada, aínda que o pensou ben. «Non sei se é mellor despedirme cantando o himno dende a bancada ou desde o céspede, pero sexa onde sexa, tanto ten, porque ao final do partido estarei no meu asento», afirma. E, por suposto, volverá a Gol cando rematen as obras: «Non hai que preguntar, obviamente, volvo para Gol. Poden sacarme da grada, pero non poden sacar a grada de min»
Xulia é unha das impulsoras do grupo de animación Gorxas de Gol, que agora se vai separar, aínda que espera que podan estar todos na mesma bancada «para poder seguir celebrando xuntos». Reagruparse xuntos no novo destino era inviable: «Somos moitos. Eu vou coa miña familia e era complicado facer grupos con tantas persoas, mesmo cos veciños de toda a vida».

Seguirá estando con súa nai e seguindo os seus pasos e os da súa avoa, Regina Castro. «Un recordo agridoce que vivín dende gol e que xamais esquecerei que foi o minuto de silencio cando faleceu a nai de miña nai. Ela era abonada de Río Alto e foi ela que inculcou o celtismo á nosa familia», conta. O seu avó fíxose do Celta pola súa muller, e ese celtismo calou moi fondo na familia e, en especial, na súa nai. «Ela fixo que meu pai sexa máis celtista. Non é casualidade que agora eu estou nese proceso de facer o mozo máis celtista. A tradición celtista da miña familia é de mulleres e espero algún día poder continuar o legado na nova grada de Gol», conclúe.