Os nenos do CEIP Illas Cíes atrévense con «Oliveira dos cen anos»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

CEIP ILLAS CÍES

Estudantes de sexto de Primaria cantan e presentan unha coreografía ao ritmo do himno do centenario do Celta

28 feb 2025 . Actualizado a las 19:37 h.

Colleron as súas mellores galas celestes -camisolas, bufandas, gorros, algún balón...- e puxéronse a cantar. Os alumnos do CEIP Illas Cíes, do barrio vigués de Coia, protagonizan un vídeo promovido pola súa profesora de Educación Física, Berta Castro Valiño, y que gravou a directora do centro, Isabel Nuevo Pérez, no que cantan e amosan unha coreografía ao ritmo do himno do centenario do Celta, Oliveira dos cen anos.

Explica Nuevo que xurdiu como algo natural. Porque non é que as mestras lles encomendasen aprender a letra, senón que ese traballo estaba feito de forma espontánea e foi iso o que levou a un paso máis. «Xa o ano pasado, o himno foi un éxito tremendo. Cantárono no festival de fin de curso, calou moitísimo en todo o mundo, pero aínda máis, nos nenos», sinala. Ademais, ao tratarse dunha escola situada no barrio de Coia, preto de Balaídos, a maioría de estudantes son celtistas desde sempre. «Moitos son socios e ven os partidos, por iso coñecen o himno de sobra», detalla a directora.

Tamén é certo que desde o CEIP puxeron o seu gran de area para que fose así. «Ás veces poñíamolo por megafonía nas entradas e nas saídas», revela. E así, á profesora de Educación Física ocorréuselle facer un pequeno baile e inmortalizar aos rapaces de sexto de Primaria. «Practicaron en varias sesións os movementos que fan coas mans e os pasos e cando estivo todo listo, viñeron vestidos co que tiñan do Celta e gravámolo», relata a directora.

Para os rapaces foi unha actividade diferente que xerou moita ilusión. E Nuevo tamén destaca a importancia que ten de cara a dar pulo ao galego na mocidade. «O ano pasado traballaramos o himno na clase, analizando as referencias poéticas e históricas que ten, como evoca o pasado...». A ilusión dos cativos é que o seu vídeo poida chegar ao club.