Damián Rodríguez xa goza dunha peña co seu nome en Ponteareas

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Lenda Celeste inicia unha nova etapa na que estrea sede e denominación e celebrouno este luns coa presenza do xogador do Celta

08 abr 2025 . Actualizado a las 16:23 h.

A peña celtista de Ponteareas Lenda Celeste Damián Rodríguez, que vén de engadir hai meses o nome do canteirán do Celta á súa denominación orixinal, celebrou este luns a estrea da súa nova sede e, con ela, da etapa que veñen de abrir. Non faltou o xogador céltico, que está moi agradecido cos peñistas que pensaron para a súa nomenclatura. Foi un acto privado -prevén facer outro co club en verán para celebrar o seu décimo aniversario- ao que acudiron arredor de 125 persoas.

Levaban semanas preparando todo porque quería que «fose especial», conta o seu vicepresidente, Adri Bugarín. «Pensamos en facer algo familiar, con moito cariño e onde todos estivésemos cómodos», xa podendo constatar que o conseguiron. «Tamén queriamos que houbese un espazo onde os nenos pudieran ter o seu minuto de falar con Damián e que lles firmarse un autógrafo, unha camiseta, facerse unha foto…». Conta que o ambiente foi moi agradable e o céltico tivo toda a paciencia do mundo para que ninguén quedase sen ser atendido por el, o que lle supuxo estar máis de hora e media.

O cambio de nome xurdiu, precisamente, cando o xerente da nova sede, a cafetería Goya -que leva anos de funcionamento na vila-, se interesou por como poñer en marcha unha peña, pois quería dedicarlle unha a Damián, darlle ese espazo e ese recoñecemento. «Tiña ganas de facela e consultounos, démoslle toda a información respecto aos trámites e, a raíz desas conversas, creouse moi bo ambiente entre nós e xurdiu a opción de que a nosa peña levase o nome», lembra.

Ademais, dábase a circunstancia de que a súa sede anterior pechara por xubilación e coa unión das dúas ideas, recuperaban un local onde reunirse. «Pareceunos unha idea marabillosa», di Bugarín, que celebra que o espazo deste establecemento «é brutal, con cinco teles, moi bo ambiente… O sitio idóneo para ser o local social. E, ademais, levando o nome do noso veciño», subliña.

O acto estivo marcado pola emoción xa desde o momento en que apareceu Damián e levou «unha ovación tremenda». Un momento «moi bonito» seguido dun coloquio con moderador, xa que preferiron evitar os típicos discursos deste tipo de eventos. Participaron o xogador; o presidente da peña, Cristóbal Lemos, e o xerente do bar, Mon. «Foi unha charla respondendo preguntas, en vez de soltar un speech», afirma Adrián. Abourdouse a nova etapa da agrupación, as ideas de futuro que teñen e tamén, no relativo a Damián, que supón para el ter unha peña celtista co seu nome, sendo o segundo xogador en activo tras Iago Aspas que pode presumir diso.

Xa cando se lle comunicou que Lenda Celeste levaría o seu nome, Damián mostrouse «súper agradecido e humilde, como é el sempre». De feito, agora está nas reunións da directiva e no grupo de WhatsApp que teñen e «aporta ideas, colabora e participa coma un máis, formando parte do día a día da peña cunha humildade tremenda». Estanlle, así, moi agradecidos: «El tamén di que para el é unha responsabilidade. Ten presente que non hai moito tempo que el era pequeno e agora é el quen ten que ser referencia para os nenos. Que non só se trata de ser cada día mellor futbolista, senón de ser exemplo como persoa, un espello no que os cativos se poidan identificar», apunta Bugarín.

Aínda que a actividade da peña nunca cesou nestes dez anos, si que está habendo un impulso de portas cara fóra con este cambio de nome e de sede. «Aumentou a visibilidade, a repercusión e tamén o número de peñistas», conta. Tamén veñen de recuperar a actividade en redes sociais e reordearon de novo os roles na directiva, onde pasaron de ser seis a nove, con tarefas específicas máis concretas. «Cando empezas a medrar, non poden encargarse dúas ou tres persoas de todo, hai que repartir o traballo e como membro da directiva, estou moi orgulloso de como estamos colaborando e implicándonos todos», engade.

Do mesmo xeito, están moi agradecidos ao persoal da cafetería Goya. «Acolléronnos cos brazos abertos, coma se estivésemos na nosa casa, coma se chegaramos e unha que non é nosa e nos deran as chaves. O trato é unha marabilla». Agora, só queda seguir traballando para prolongar esta euforia do momento doce que atravesan e que tamén vai acompañado pola boa situación deportiva do equipo.