As Pandereteiras de Toutón serán protagonistas na previa do Celta-Rayo en Balaídos
GRADA DE RÍO

O Celta conmemorará o Día das Letras Galegas este domingo, no último encontro do equipo como local
17 may 2025 . Actualizado a las 10:54 h.O Celta vén de anunciar este sábado, Día das Letras Galegas, que non faltará a súa conmemoración desta data, que será este domingo coincidindo co último encontro da tempada como local do cadro vigués. En concreto, na previa do partido fronte ao Rayo Vallecano, haberá unha homenaxe ás cantareiras galegas -ás que vai dedicado este 17 de maio- coas Pandereteiras de Toutón que foron, lembran desde a entidade, orixe do himno do centenario do Celta, Oliveira dos cen anos.
«Gardías da nosa lingua, da nosa cultura», descríbeas o Celta, que engade que «non hai pobo máis vivo que o que canta o que ocorre». A presenza desta formación é o broche a unha tempada na que o estadio municipal vigués tamén puido gozas de Fillas de Cassandra en dúas ocasións -a primeira, no primeiro partido da historia de As Celtas-, Abraham Cupeiro, a Rondalla de Torroso ou algunhas das figuras tradicionais do Entroido galego.
Foi en marzo do 2023, en plena preparación de Oliveira dos cen anos, cando C. Tangana tivo unha estancia en Galicia na que se empapou da cultura tradicional galega. E tivo a oportunidade de coñecer de preto a produción artística destas pandereteiras, compartindo cos seus seguidores a través das redes sociais algúns dos momentos compartidos con elas.