Nuria Gómez: «Podía intentalo, pero logo de As Celtas non me apetecía ir a outro club»
GRADA DE RÍO

A gardameta ten unha doenza crónica de xeonllo á que se sumou o ombreiro e decide colgar as luvas aos 21 anos
20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nuria Gómez (A Estrada, 2004) formou parte do primeiro equipo da historia de As Celtas na que se converte, a un tempo, na súa última tempada en activo. A unha lesión crónica de xeonllo coa que leva batallando uns oito anos sumóuselle outra de ombreiro pola que pasou por quirófano hai catro semanas. E decidiu poñer, polo menos, un punto e aparte. Como futbolista, pero si seguirá unida ao seu deporte, porque vén de incorporarse ao Rápido de Bouzas como adestradora da base e responsable dunha nova área.
—Como se atopa logo de tomar a decisión de retirarse tan nova?
—Estou ben. É algo que viña pensando nestes últimos meses nos que estiven parada polo ombreiro. Sabía que o club tamén estaba na idea de que non seguise alí e viña preparándome mentalmente para tomar esta decisión.
—Vía que xa non estaba en condicións de seguir, aínda que fose noutro club?
—Aínda que teño unha lesión crónica no xeonllo que me vén dando problemas desde hai anos, penso que podería seguir intentándoo noutro equipo, pero non me apetecía despois de estar aquí, na casa, probar noutro sitio. Pero non estou pechada a volver retomalo no futuro.
—Entón non é unha retirada definitiva?
—Polo momento, si, pero nun futuro a medio prazo, se se me dá a oportunidade e aparece un bo proxecto, non o descarto por completo. Pero si, é unha retirada.
—Hai opción de que esa lesión lle dea tregua ou como funciona?
—Ultimamente, coñezo mellor o meu corpo e sei cal é o meu límite, sei previr as molestias e iso permitiríame seguir competindo, pero sumouse o ombreiro e iso si que é algo novo que non sei como vai responder.
—Tendo iso en conta, suponlle certa liberación deixalo?
—En parte, si, pero en parte, non. Porque é algo que mesmo andando me pode molestar. Principalmente, a molestia é muscular, así que precisa tratala, darlle cariño, fortalecendo e descargando a zona. Iso é o que máis problemas me dá.
—Así que lle esixía esforzos extra tratar de ser competitiva.
—É certo que é complicado, pero sinceramente, non o pasei mal. Estando no equipo, aínda parada, foi unha sensación estraña, porque nunca sentín que estivese apartada. Ía igual aos partidos de fóra, estaba en dinámica... Iso teño que agradecerllo ás compañeiras e ao corpo técnico.
—Marián Mouriño dedicoulle unhas verbas moi agarimosas ao trascender o seu adeus.
—Si. A verdade é que é unha persoa incrible, súper cercana, e estou moi agradecida polas súas palabras.
—Que lle supuxo formar parte de As Celtas?
—Foi un soño. Son do Celta desde pequena e poder forma parte da historia do Celta é un orgullo e un honor, aínda que non puidese ser da forma que me gustaría. Foi así e non hai máis voltas que darlle.
—Que lle aportou esta experiencia?
—O principal que levo é a xente. É fútbol, pero o máis importante son as persoas e este ano foi todo o mundo incrible: compañeiras, corpo técnico, persoal do club... Sinto que levo persoas para toda a vida e creo que é o máis importante da tempada. Aparte de que formar parte desde club é un orgullo.
—Agora incorpórase ao Rápido de Bouzas. Como xorde esta proposta?
—Eu tiña intención de quedar aquí, en Vigo. Faleino co Celta, eles ofrecéronse a axudarme a buscar algo e así foi como xorde. Teño unha reunión co Rápido, explícanme o proxecto e quedei un pouco digamos que asustada de todo o que teñen pensando facer. Convencéronme no minuto un e estou con moitas ganas.
—Ademais de ser adestradora, vai encabezar unha nova área.
—Si, vou ser responsable da experiencia deportiva, que consiste en organizar torneos e eventos do club. Estou moi agradecida pola responsabilidade que se me dá, porque sen coñecerme de nada e sen ter apenas experiencia, se confíe tanto en min.
—Venlle de lonxe a vocación de adestradora?
—A verdade é que me apareceu este ano. Empecei o curso por facer algo e acabei con moitas ganas, pensando en adestrar de novo se me daban a oportunidade. Estanma dando e estou contentísima.
—Dicía que é celtista desde nena. Como foi o seu paso polo Deportivo?
—No fútbol feminino non hai tanta rivalidade e a nivel de Galicia era o mellor club ata hai un ano. Era elixir entre estar nun club top e un mediano, entón creo que era a mellor decisión nese momento ao non ter a posibilidade de xogar no Celta.
—Esperaba a chamada de As Celtas?
—Candos recibín esa chamada, non o cría. Ademais, estaba con ganas de saír do Deportivo, non me apetecía seguir na Coruña. Entón, foi como: ‘Guau, isto é espectacular’.