
A piques de cumprir os vinte anos, a agrupación vive unha nova etapa tras un cambio de directiva
25 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Peña Celtista de Mos está a piques de cumprir os seus primeiros vinte anos de vida pero, paralelamente, vive unha etapa nova. Porque Fiz, que leva na agrupación desde os inicios, colleu as rendas canda un grupo de afeccionados máis novos cando Sema, o anterior responsable, decidiu que era momento de deixalo. «Collémola nós para intentar darlle cara adiante, porque sería unha pena que se desvaneza desaparecese despois de tantos anos», reflexiona.
Foi nunha xunta anual onde se abordou a necesitade dun relevo. «Somos xente moi cercana, de Petelos, en Mos, xente que nos coñecemos entre todos», di ao tempo que sinala que había algúns integrantes que o eran por compromiso co anterior presidente, máis que por ser realmente afeccionados do Celta. «Propoñías unha viaxe e non se animaban nin que se pagase con fondos da peña», di. Polo que, sabendo que Mos é un pobo celtista, propuxéronse darlle unha volta e captar a seareiros que si teñan un vínculo emocional co club. «Intentamos meter xente nova que sexan socios do Celta, porque agora hai moito interese polo equipo», constata.
Actualmente son arredor de trinta peñistas e o obxectivo principal é facer medrar esa cifra para poder sacar adiante máis iniciativas. «Interésanos que a xent da contorna, de Petelos, de Mos e arredores nos coñeza e poida vir con nós a Balaídos e a viaxes», indica. En concreto, esperan poder facer un par deles nesta vindeira tempada e tamén lles gustaría desprazarse para algún partido de Europa League. «Tamén queremos facer un evento polo 20 aniversario no 2026», anuncia.
Espallados polas bancadas de Balaídos, a Peña Celtista de Mos ten representación en Marcador Alto, Marcador Baixo e Río, mentres que para os partidos de fóra, adoitan reunirse, pero non teñen unha sede fixa. É outra materia pendente para unha peña que está rexurdindo e que quere seguir tomando impulso.