
Miguel Román deu un paso adiante. Dábame a impresión dende fóra que era tímido á hora de formar parte do grupo de elite do Celta e agora teño a sensación de que se convenceu de que pode pelexar como calquera e contra calquera, incluídos xogadores como Fran Beltrán ou Ilaix Moriba. Sinceramente, penso que pode ter un sitio con Claudio Giráldez e ser un xogador que aporte cousas nos momentos nos que o equipo poida estar xusto pola condensación do calendario.
Creo que o Celta debe tomar unha decisión sobre el canto antes. Se vai estar na primeira plantilla, hai que dicirllo, e se hai que darlle tempo para que vexa outras posibilidades, igual, porque se iso sucede a última hora, limitaría moito a súas opcións. En canto ao escenario de contar con cinco mediocentros, o ter moita xente nunha posición fai que o plantel se poida resentir noutras demarcacións. Opino que cinco pivotes son moitos, pero Miguel debe ter a posibilidades de ser un dos que queden.
Do gondomareño destaco, por riba de todo, a súa regularidade. Non é un xogador de 10, pero nunca baixa do 6. Fai as cousas o máis fáciles posibles, le moi ben as situacións de partido e ten moita chegada, como demostrou no Celta Fortuna. E, ademais, é moi implicado co traballo. En canto á súa evolución, eu creo que antes do estar no Pontevedra non tiña a seguridade que te invitase a pensar que podía formar parte dun equipo de elite, pero o seu segundo ano en Pasarón foi moi bo e chegar ao Celta animouno a seguir traballando e facelo con máis intensidade. No Fortuna foi un xogador imprescindible e determinante.