
O capitán do Celta compensa a perda física con intelixencia táctica, posicionamento e técnica
01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O caso de Iago Aspas é moi similar a outros como Cristiano Ronaldo ou LeBron James. Os deportistas son cada vez máis lonxevos e manteñen un rendemento máis alto en comparación con hai 20 anos. As causas son multafactoriais, pero circunscritas ao avance do que é o contexto da preparación dos xogadores. O máis importante é a ciencia en torno á preparación física e o adestramento individualizado. Antes, todos os xogadores tiñan toda a base da preparación igual e hoxe en día, xa existe un adestramento personalizado segundo o rol do futbolista, a súa fisioloxía, e a súa idade.
Tamén hai que ter en conta o traballo físico de prevención de lesións, onde están os test ou o traballo de forzo, e iso axuda a manter a masa muscular e ao aparato tendinoso a atoparse en mellores condicións. A maiores, a nutrición e a suplementación teñen cada vez ten máis relevancia. Hoxe, os xogadores teñen control do peso, da súa masa muscular, a súa composición corporal é algo que se mide e que se regula de maneira moi concreta.
Outro factor é o tema de recuperación post competición. Todas estas estratexias de crioterapia, cámaras hiperbáricas, de fisioterapia diaria son ferramentas que axudan a paliar posibles microrroturas musculares e acelerar a recuperación. Todos os futbolistas teñen un altísimo nivel físico, pero onde se ve realmente a calidade do tecido é no tempo que tarda en recuperarse un xogador entre partidos.
E logo hai algo no que seguro que Iago Aspas é un avanzado, que é coñecer o seu corpo e facer o seu xogo. Un veterano como o moañés sabe ler o xogo moito mellor e, moitas veces, non é necesario un gran esforzo físico, porque el xa realiza un gran esforzo mental en saber ler ben o contexto de cada situación de xogo, adaptándose e dando resposta a ese contexto.
Ata hai 20 anos pensábase que cando un xogador non rendía era porque estaba mal a nivel físico e, en moitas ocasións, era debido a unha mala toma de decisións ou mala lectura do xogo. Neste caso, Aspas compensa a perda física con intelixencia táctica, con posicionamento e con técnica. Está sempre no lugar axeitado e no momento oportuno. É un xogador, como Cristiano e Lebron, que sabe como influír no contexto sen necesidade de parámetros físicos, chégalle con parámetros de lectura, xogo e táctica. Iago pode non ser un portento físico, pero é quen de ver cousas no xogo que parten da súa capacidade de interpretar o fútbol.
Logo está a predisposición xenética. Aspas non tivo lesións graves na súa carreira. Ademais, ten o factor motivacional extra de que xoga no seu club de toda a vida. É o capitán e un símbolo. Seguro que un xogador de 38 anos coma el vai ser máis determinante que un de 25 porque ten ciencia, experiencia, motivación e viviu cousas que non viviron outros. O 10 do Celta é moi áxil e rápido tomando decisións e iso pode suplir que en vez de correr 10.000 metros, corra 6.000. Neses 6.000, é capaz de mellorar moitos contextos dentro do propio partido.
Mentres a súa mente estea lúcida para a toma de decisións, seguro que poderá xogar algúns anos máis sen problema, diría que pode ser un activo importante para calquera club dous ou tres anos ao máximo rendemento, porque cada vez rompe máis barreiras e demostra que o fútbol non ten idade. Iso si, hai que escoller en que partido e en que minutos hai que aproveitalo, porque non se pode facer uso e abuso dun xogador de 38 anos.
Rubén Maneiro é profesor de metodoloxía do adestramento da Universidade de Vigo