O Celta agasallará aos seus rivais da Europa League cunha pandeireta tradicional galega

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

O club quere simbolizar a cultura da terra co instrumento feito a man polo artesán vigués Miguel Rivas

25 sep 2025 . Actualizado a las 17:16 h.

O Celta vén de anunciar este xoves que, ademais do habitual bandeirín, fará outro agasallo aos rivais cos que se enfronte na Europa League, competición na que debuta fronte ao Stuttgart a domicilio. Trátase dunha pandeireta tradicional feita a man polo artesán vigués Miguel Rivas e que simbolizará a cultura galega. O club destaca qeu retorna á competición continental «co orgullo de levar por todo o continente os seus sinais de identidade máis representativas». A entrega será no saúdo entre capitáns neste e nos vindeiros encontros que dispute o equipo.

A entidade sinala que as pezas foron elaboradas especialmente para esta ocasión e están feitas en madeira de cerdeira do país, dobrada manualmente, e contan con catro pares de ferreñas temperadas. Ademais, levan gravados os nomes de ambos os equipos e a data do encontro, como se pode ver xa nas imaxes do instrumento do que se fará entrega ao equipo alemán. «Con estas entregas, e aproveitando o gran escaparate da Europa League, o Celta quere compartir unha parte das súas raíces cos clubs que se crucen no seu camiño, nun xesto que une fútbol, cultura e tradición», engaden.