
Dende o punto de vista físico, nos últimos anos estase mellorando moito. Non é como antes, que con 30 anos as carreiras deportivas estaban acabadas. Pero no caso de Iago Aspas, e visto dende fóra, continúa tendo esa ambición que é fundamental para seguir medrando e mellorando, moita autoconfianza e, logo, hai unha cousa que considero moi importante: que emocionalmente é moi estable. Creo que ten un entorno moi favorable e esas tres cousas son as que fan que poida conseguir algún récord máis. Se dende o punto de vista físico está ben, eu penso que no aspecto psicolóxico ten esa madurez que lle vai permitir continuar.
Pódese pensar en que teña aínda un longo recorrido por diante. Hoxe xa hai xogadores que, se se coidan tanto física como mentalmente, poden chegar aos 40 anos en boas condicións. Chegar a igualar o récord de 533 partidos a nivel persoal ten que ser unha satisfacción tremenda, porque seguro que cando empezou sendo un neno non pensaba niso. Ten a satisfacción de acadar todos eses récords e á súa traxectoria non hai que poñerlle un só pero.