De príncipe a rei

Rubén Maneiro VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

07 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Aspas debutou co primeiro equipo do Celta en xuño de 2008 ante a UD Salamanca. Nquel momento, e parafraseando a Bradley Cooper, «naceu una estrela», aínda que ninguén fose consciente daquela.

Porque Iago acumula 533 partidos oficiais co RC Celta, igualando ao Gran Capitán, Manolo. Un dato histórico para o fútbol contemporáneo, tendo en conta a evolución física do xogo. Hoxe, o fútbol profesional demanda unha combinación de velocidade, resistencia e aceleracións continuas. Aspas representa a evolución do futbolista moderno.

Porque en Iago podemos diferenciar tres etapas. Unha primeira, xogador de pura enerxía e intensidade. Porque eses son os atributos que o aficionado premia. A identificación coa grada prodúcese a través do carisma e espíritu combativo. Iago sitúase na liña de xogadores como Carles Puyol ou Steven Gerrard, símbolos emocionais dos seus equipos. Un exemplo desta etapa atopámolo no 2009. Xornada 40, o Celta perde 0-1 co Alavés, con practicamente os dous pés en Segunda B. Ata que Aspas puxo patas arriba Balaídos con dous goles que provocaron un estalido de emoción colectiva que aínda hoxe se lembra en Vigo.

Co paso dos anos, e tras un periplo polo estranxeiro, Iago regresa maduro a Vigo. O seu despregue físico deixa paso a un xogo máis intelixente. Como os grandes futbolistas, Iago é capaz de ver o fútbol dous segundos antes. Diso saben moito Luka Modric ou Kevin de Bruyne.

Hoxe, aos seus 38 anos, Iago pecha o círculo. Encarna a evolución do futbolista que aprendeu a gañar tempo coa mente. Cando os demais corren, el espera e observa. Cando os demais esperan, el filtra un pase. Da nada, o caos. Selecciona os momentos nos que aparecer. «Ten o costume do existir só no momento preciso», como diría García Márquez.

A pesar de que non se pode considerar a Aspas «one club man» (como Paolo Maldini ou Carles Puyol), si podemos afirmar que é o «one club man» dos corazóns dos vigueses. Quizais lle queden entre unha e tres tempadas máis ao máximo nivel. O tempo pode avanzar, pero el parece capaz de detelo en dous segundos de visión e anticipación.

Rubén Maneiro é profesor titular de Metodoloxía do Adestramento na Universidade de Vigo