Antón López, speaker de Balaídos durante case 30 anos: «Enganchei coa xente e foron anos marabillosos»
ZONA CELESTE

O autor de «coma sempre, o de sempre, ala Celta!» garda fermosas lembranzas dos seus anos no club e presume de introducir o galego: «Defender a terra era fundamental»
20 ago 2023 . Actualizado a las 08:28 h.Se se pregunta ao celtismo pola voz de Balaídos, como lle gustaba ser chamado, non serán poucos os que evoquen a figura e, sobre todo, a forma de falar desde a cabina do municipal vigués de Antón López. Súa é máis dunha frase para a historia, especialmente o mítico «coma sempre, o de sempre» que, cando le lle menciona, segue pronunciando con entusiasmo ao outro lado do teléfono ao seus 81 anos. Durante case 30, entre 1980 e o 2008, foi o speaker do estadio do equipo vigués, innovador, coas ideas claras do que quería facer -lembra- e co premio de ser quen de conectar coa afección. El é parte importante dos 100 anos que cumpre o Celta e síntese «moi orgulloso» de que así sexa.
López, publicista de profesión, tiña trato cunha persoa do Celta e, falando con ela, comezou a exercer ese rol desde a cabina a principios dos 80. Unha cabina que nun primeiro momento, aínda que durante pouco tempo, estaba en Gol. «Non era o sitio ideal, tiñas que andar movéndote para ver algo, estabas algo illado e había certas incomodidades», relata. Non tardaron en cambiar «á posición lóxica, enriba mesmo da presidencia, vendo xa todo perfectamente».
Pero máis alá da ubicación, el partía cun obxectivo claro. «Non era un momento sinxelo. O equipo baixara a Segunda B e o que había que facer era animar o estadio. Despois, converteuse noutras moitas cousas», di sobre o seu rol co paso dos anos. Presume de que lle tocou vivir desde dentro «partidos incribles, históricos», sobre todo co EuroCelta. «Aquilo foi asombroso, con cheos ata arriba en Balaídos». Pero as mellores lembranzas comezan antes e da man doutro nome propio: «Vlado (Gudelj) nos 90 foi un Deus, unha tolemia. Logo xa veu Mostovoi, pero Gudelj foi pasar de sufrir a gañar e gañar», rememora.

El, que di que a súa memoria xa non é o que era, ten rexistradas por escrito as lembranzas da súa etapa de speaker, que subliña que daría para un libro e, a grandes trazos, divídea en tres etapas. «Foron tres décadas moi distintas. Os oitenta foron un sube e baixa, bastante desastre. Despois, o equipo afianzouse non 90 coa revolución que representou Gudelj e, despois, era década que empezou sendo marabillosa e acabou do descenso do 2007», esboza. El marchou ao ano seguinte: «Empecei abaixo, en Segunda B, e funme tamén abaixo, aínda que non tanto», sinala.
Fala con emoción de partidos coma o 7-0 ao Benfica, de moitos días concretos, pero sobre todo, dunha conexión co celtismo que durou décadas. «Enganchei moi ben con eles e eles comigo e foron anos marabillosos. Eu tiña unha idea do que facer, marcamos unha pauta e, humildemente, penso que á xente lle gustou e así seguín tanto tempo», conta. Nos seus inicios, non había allas publicitarias arredor do campo, senón que «todo o tinglado dos anuncios», que el mesmo xestionaba dependía del.
Síntese especialmente orgulloso de introducir o galego en Balaídos. «Para min, iso era importantísimo. O Celta falaba castelán e eu non preguntei; empecei e ninguén me rectificou. Parece que o galego non estaba nin está moi ben valorado e eu sempre dixen que se un país non quere á súa terra, apaga e vámonos», proclama. Para el resultaba «fundamental» esa presenza da lingua para «defender a propia terra» e así o fixo. Tamén introducindo música galega, especialmente do grupo A Roda, que viña «como anel ao dedo» e ás veces con algunhas opinións en contra. «Un día puxen un tema, creo que era deles, e a un directivo non lle facía moita graza a priori; ao ver como respondeu o público, acabou pedíndome desculpas». Nos 90, di apareceu o Himno do Celta, que «existía pero era descoñecido» e comezou a soar pola megafonía.
Aínda que hai moitos eslóganes publicitarios seus que perduran na memoria colectiva, o máis especial non publicita nada máis que o propio celtismo. «Aquilo de ‘Ola, amigos, como non, coma sempre o de sempre, ala Celta!’ non tiven que barrenalo, foi algo espontáneo. Saíume así e quedou, foi a forma de expresalo que me saíu», indica. Comenta que estaba «moi metido no fregado», moi identificado co celtismo, e iso notábase ao outro lado da cabina. «Dentro de que as cousas hai que pensalas e reflexionalas para non meter a pata, e de que despois tamén hai que perfeccionalas, cando improvisas e che sae algo así, que prende, non hai que tocalo», analiza. E volve presumir de que, como todas as súas, esa frase mítica tamén é en galego. «Son moi galeguista e gustábame que a xente o vivira en galego», engade.
O seu adeus ao Celta foi «unha morte anunciada». Por un lado, a crise económica xeneralizada e, por outro, o mal momento dun Celta recén descendido. Non houbo entendemento coa directiva entrante e xa lle era tempo de xubilarse, así que aquilo chegou ao seu fin. «Foi unha etapa idílica, gocei moito e sentinme moi querido. Pero no fútbol, se es un romántico, estás perdido. Podes recibir moitos sensabores. Hai que saber gañar e perder, non esquecer que vai haber partidos bos e lamentables. E do mesmo xeito, hai que aceptar cando chega o momento de marchar», compara.
Desde aquela, aínda que pendente do Celta e conservando moitos amigos daqueles tempos, non ten sido un asiduo a Balaídos, recoñece -vive e viviu sempre en Pontevedra, aínda que frecuenta Vigo-. «Coincidiume que sufrín un ictus naqueles días e foi moi complicado, aínda que puiden librarme das tres efes desta enfermidade (fala, forza e faciana) e non me deixou pegada. Pero tiven claro que era o momento de descansar e desfutar doutra maneira», detalla. «A forofada, como digo eu, non me gusta, pero conectado co celtismo seguín sempre. Houbo un tempo no que me chamaban afeccionados para presentar algún acto e ía encantado. Tratáronme moi ben, retireime con toda a gloria», agradece.