O nome das cousas

Manuel Chaín

RELATOS DE VERÁN

03 ago 2025 . Actualizado a las 10:59 h.

Se algo non ten nome, non existe. Porén hai xente, como o ferraxeiro, que é quen de atender a quen lle pide o chisme que aparafusas no couso da parede, para colgar un cadro. Entre chismes e cousos, un especial é a ferramenta de metal que usan os fumadores en pipa. Para min foi, desde neno, un limpa-pipas. 

Meu pai, teimudo fumador de pipa, non afastaba aquel trebello formado por tres pezas articuladas. A máis grande, rematada nunha lentella, usábaa para atacar a picadura na cazoleta e recollía as outras dúas, ao pechala. Co ferriño redondo desatascaba os orificios e coa culleriña estreita, afiada, retiraba as escouras do fornelo da pipa. No seu peto, aquel chisme sempre acompañaba ao paquete de «Caldo de Galiña» do que sacaba os cigarros que desfacía na cachimba. 

O limpa-pipas era doado perdelo. E así ocorreulle na praia de Cedeira. Caeulle na area e, xa se sabe, non é doado atopar un obxecto tan pequeno na area seca. Canto máis removes, máis o enterras. A cousa foi que tivo que mercar outro. 

Anos despois, parolando, sentado nun picadeiro ao pé da chabola duns vellos mariñeiros que amañaban as redes na volta do areal, sacou a súa pipa, encheuna ca picadura dun cigarro e conforme ao seu costume, sen deixar de falar, apertou o tabaco co seu limpa-pipas. 

— Que a mar me coma!— berrou o máis vello dos mariñeiros. Déixame ver ese chisme. 

Meu pai pasoulle a ferramenta e explicoulles para que servía. O sorprendente non era o singular daquela pequena ferramenta metálica que os vellos mariñeiros non coñecían. O excepcional foi que había anos que o dono da chabola atopara un trebello deses no areal. O estudara con moito detemento e logo de romperse varios días a cabeza e non ter dado coa súa finalidade, gardouno na súa caixa de ferramentas. Tal vez algún día, coñecería o seu nome e chegaría a saber para que podía ser útil. 

Cando o sacou da caixa de aparellos, meu pai recuperou o seu limpa-pipas, perdido naquela mesma praia. E os vellos mariñeiros aprenderon a nomear unha nova ferramenta que, desde aquel día, ía a existir para eles e como protagonista desta historia.