Devezo

Marcos Tesouro

RELATOS DE VERÁN

03 ago 2025 . Actualizado a las 11:00 h.

Acababa de saír dese parador metido entre as montañas onde acaba de pasar a noite. Conducía devagar por esa estrada sinuosa e estreita, pero que polas vistas ben merecía a pena. Soutos e carballeiras cheas de árbores centenarias, vexetación a rebentar a pesar de xa ser tempo de ter todo rozado para evitar os lumes e, por veces, o fermoso canón do Sil coas súas bancadas cheas de pedra, a súa vida vinícola e os seus miradores nos que ía parando para tirar unhas fotos e ir ensaiando como podían quedar cando se xuntase con ela.

Tiña moitas ganas de chegar. Quería facelo canto antes. Fervíalle o corpo co nerviosismo. Non lle chegaba o momento de vela en persoa. Levaban semanas falando polas redes sociais e xa cría estar namorada. Non era difícil, ela mesma o recoñecía como un defecto, era moi namoradeira, pero non había forma, seguía facéndoo a pesar dos carallos sufridos.

Sabía que ía estar nese mosteiro pequeno, na ladeira da montaña, camiño do río, e parecíalle o lugar axeitado, reservado e cun ambiente moi romántico para darlle unha sorpresa. Baixaba amodo por esas curvas tan retorcidas. Aínda así, apandou con algún que outro susto por culpa dos nervios e da chuvia que caía ese día. Malia iso, chegou xusto a tempo de ver como o autobús coa visita programada na que, en teoría, viña ela aínda estaba alí.

E, efectivamente, alí se atopaba, mesturada no grupo de excursionistas que acaba de chegar e estaban a prepararse para a visita guiada. Deulle un chimpo o corazón. Unha cousa era tela no móbil e falar e outra vela en vivo e en directo.

Falaba cunha muller, moi próximas, desde o seu punto de vista. Entráronlle uns celos horribles. Decidiu saír do coche e acercarse lentamente ata que se deixou ver co sorriso máis grande que podía ter. Nisto que ela se deu a volta e a viu de fronte, espreitouna de arriba a abaixo e xirouse como se non lle soase esa cara e ese corpo e collendo da man á muller coa que estaba a falar meteuse no grupo coa visita guiada xa comezada.