Semana grande

Isabel Calvete AGENTE FORESTAL

INTERNACIONAL

Un policía observa las llamas en Povoa de Montemeuro.
Un policía observa las llamas en Povoa de Montemeuro. Susana Vera | REUTERS

20 sep 2024 . Actualizado a las 19:05 h.

Fai uns días, falando cun compañeiro da boa campaña de lumes deste verán, comentou que a «semana grande» aínda estaba por vir. Desgraciadamente tiña toda a razón do mundo, a «semana grande» sempre ven; está aquí ao lado, no país veciño, e xa se cobrou sete vítimas mortais, miles de hectáreas calcinadas e miles de euros en bens estragados.

Un ano máis, e non é todo igual, non repetimos historia porque cada persoa, cada traballador e traballadora, cada voluntario ou voluntaria é unha historia diferente; cada vítima dos lumes é unha familia esnaquizada e unha pingueira máis de medo e de tristura en toda a xente que traballamos neste eido. Esa sensación de baleiro que todas e todos coñecemos ben.

Non se repite a historia, son historias diferentes.

Podémonos enganar, claro que si, Portugal é outro país, non ten a infraestrutura de loita contra o lume que temos nós, certo, ten unha xestión da masa forestal diferente, talvez, pero está ao lado, son os nosos veciños e o lume non entende de fronteiras. A fronteira a construímos nós, na nosa cabeciña, para protexernos da terrible realidade porque é terrible e non queremos enfrontarnos a ela. Danos medo. Danos unha inmensa tristura.

E cada ano comezamos a tempada de incendios co corazón encollido porque sabemos que si non é esta vai ser a seguinte, que si non é Portugal, pode ser Zamora ou León, pode ser Galicia. Que si rematamos unha mala campaña sen vítimas, e soa durísimo, é unha boa campaña e é certo. Nestes termos nos movemos.

E tantas veces que escoitamos iso de «apagade que para iso os pagan»; a connotación desa frase feita é tremenda, ¿acaso o que arde en Galicia é noso? Si, por suposto, noso, de todas as galegas e galegos ( e si queda algo, das nosas fillas e fillos), tamén dos que intentamos cada verán salvar todo o que podemos, unhas veces con máis éxito que outras. De todas e de todos.

¿De verdade costa tanto enfrontarse ás responsabilidades? Que arda máis o menos o monte non é só cousa da xente que traballa no lume, en serio. A nosa responsabilidade está en intentar minimizar ó máximo posible o dano que provoca o que pon lume, o que non roza as fincas ao lado das casas, o que planta pinos ou eucaliptos ao carón das aldeas, o que tira a cabicha na beira da estrada ou o lixo no monte… pero sobre todo, o que pon lume. Non confundamos. É demasiado grave como para banalizar o tema.

Nalgún momento da nosa historia, reaccionaremos, agardo que non sexa tarde e tamén agardo que a «semana grande» remate axiña.