Os valedores das nosas letras

Cristóbal Ramírez - congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Alumnos do Colexio Novo participaron nunha das rutas polo casco vello de Monforte para festexar o Día das Letras Galegas.
Alumnos do Colexio Novo participaron nunha das rutas polo casco vello de Monforte para festexar o Día das Letras Galegas. ALBERTO LÓPEZ

Co gallo da celebración, numerosas iniciativias lembran a Valentín Paz Andrade

16 may 2012 . Actualizado a las 12:47 h.

Digámolo alto e claro: esta é unha chamada ás armas? literarias, por suposto. Non podía ser doutro xeito sendo mañá o día que é. As editoriais xa sacaron os seus libros, convertendo esta nova edición das Letras Galegas no que foron todas as anteriores: non só unhas xornadas para lembrar a un persoeiro e a súa obra senón para facerse con materiais -volumes, artigos, folletos- relacionados con el para gardar. Mesmo hai auténticos coleccionistas de todo o que sae. Mañá, xa que logo, é un día para ler algo, o que cada un queira, libro ou xornal. Nese sentido La Voz de Galicia está en campaña desde o sábado, cando sacou un especial do seu suplemento Culturas, ao que seguen estas mesmas páxinas e se completa coa venda por un prezo simbólico de un euro, mañá, dunha selección dos mellores artigos de Valentín Paz Andrade.

Paga a pena deterse nas 28 páxinas a cor do Culturas. ¿Que ten de excepcional? Pois entre outras cousas que é a primeira vez que se entrega unha presentación dos ata agora 50 galardoados co Día das Letras? e feita polos académicos da Real Academia Galega (RAG), sen dúbida os mellores observadores do pasado literario de Galicia. Despois, de todo un pouco, pero sen deixar nada ao azar. Aí está o espírito do entrañable Fernández del Riego, a explicación detallada do por que da data elixida para a conmemoración, como se vive desde unha librería, unha entrevista a dúas voces cos directores das editoriais Galaxia (Freixanes) e Xerais (Bragado), resumos de tres das biografías sobre Paz Andrade presentadas estes días -tempo para os traballos de Tucho Calvo, Charo Portela e Xan Carballa, o dicionario de Franco Grande- e, pechando o número, unha entrevista co presidente da RAG, Méndez Ferrín.