A corrupción ao axexo

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

PRADERO

Os casos multiplícanse e crean unha inquietante alarma social

23 ene 2013 . Actualizado a las 13:53 h.

Calquera medio de comunicación que abramos remítenos na actualidade a unha infinidade de casos de corrupción. Os nomes dos procesos acaparan os titulares de todos eles. Operación Carioca, Campión, Pokémon, Gürtel, Liceo, Fundación Nóos, caso Pallerols, caso Baltar, etcétera. Parece que nos movamos nun océano de fraude. Aínda que non sexa así e esa impresión sexa a consecuencia da notoriedade que cada un dos casos alcanza pola alarma social que produce, estamos nunha situación que xustifica unha reflexión sobre o fenómeno.

O chamado Estado do benestar ofrece aos cidadáns unha gran cantidade de servizos. Que sexa o Estado quen ofrece estes servizos ten a vantaxe de que cheguen a todas as persoas. Iso pasa actualmente con aspectos tan importantes da nosa vida como a sanidade e a educación, ás que todos os españois temos garantido o acceso. Non hai moitos anos tiñas que pagar para ir ao médico ou para asistir á escola e, se non tiñas diñeiro, só quedaba o recurso á beneficencia, é dicir, que alguén che ofrecese ese servizo como unha esmola. O mesmo pasa con outras moitas cousas como a construción de vías de comunicación, autoestradas, vías férreas, aeroportos, limpeza e iluminación das cidades. O Estado responsabilízase deses recursos.

Para prestar todos eses servizos, o Estado cóbranos impostos e unha parte importante deses ingresos emprégaos en contratar a empresas que executen todo o necesario para prestalos. Por pór un exemplo, se o Estado quere construír unha liña de alta velocidade que nos leve desde Galicia a Madrid en tres horas, ten que contratar a varias empresas que fagan todas as obras necesarias para construír a liña, facer os túneles e viadutos, o tendido eléctrico, comprar os trens... Por iso o Estado é un gran contratista, o maior do país, con gran diferenza.

O CALDO DE CULTIVO

Desta necesidade de contratar empresas derívase un gran perigo que axexa a todas as democracias do mundo. O mesmo que os particulares cando queremos comprar algo saímos á rúa e miramos escaparates, entramos en tendas, preguntamos prezos, probamos, analizamos a calidade do produto, en definitiva, escollemos entre todas as opcións que se nos presentan a que nos conveña máis, as Administracións públicas tamén deben elixir á hora de contratar entre unha variada oferta de empresas.

No caso dos particulares, o proceso que se establece para convencer os compradores é a publicidade. Os anuncios críbannos con promesas de mocidade e beleza eternas, éxitos sen fin e enormes vantaxes para convencernos da conveniencia de comprar un produto. Pero no caso da contratación pública as empresas poden tratar de seducir a quen teñen a responsabilidade de decidir sobre a selección mediante toda clase de dádivas entregadas baixo corda, e iso é a corrupción. Os políticos e os funcionarios responsables das contratacións son quen están expostos á tentación e as empresas son, con frecuencia, as tentadoras. Canto maior é o volume de contratación dunha Administración, máis grave é o risco de corrupción. Os Estados democráticos que prestan cantidades inxentes de servizos sofren grandes riscos de corrupción. Por iso os procesos de contratación están rexidos por leis moi minuciosas que pretenden evitar ese risco. As consecuencias máis graves da corrupción son o aumento dos custos dos servizos ou a diminución da súa calidade, así como o atentado contra a libre competencia e a igualdade de oportunidades das empresas.

En España existen esas leis e son estritas e minuciosas. Na maior parte dos casos conseguen o seu obxectivo e os procesos de contratación son xustos e transparentes, pero sempre hai alguén que se pasa de listo e atopa o medio de burlar as normas. O importante é estar alerta e que as institucións encargadas da vixilancia sexan capaces de detectar eses casos. En realidade é o que está a ocorrer con todos eses procesos famosos, que están a ser investigados e xulgados porque foron descubertos. Iso quere dicir que o sistema está a funcionar e que a sociedade se está defendendo contra os abusos duns cantos.