Outras sinfonías incompletas

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

12 mar 2014 . Actualizado a las 13:30 h.

Seguimos un pouco co símil de primeira páxina de La Voz de la Escuela de hoxe xogando con palabras parecidas e aplicándoas a titulares de noticias do xornal que nos falan de libros inacabados, elegancias truncadas, obras canceladas, incompletas. Algunhas, imposibles de reanimar, pero outras pedindo tempo e esperanza de que volverán dando fin ás súas dúbidas.

1. LIBRO DE NEWTON

Un libro inacabado de Isaac Newton sobre ciencia e relixión

(La Voz, 15/1/2014) Un grupo de investigadores da Universidade de Sevilla publicou un estudo sobre unha obra inacabada de Isaac Newton, Historia Ecclesiastica, que pode lerse por primeira vez. O texto, escrito en latín e identificado polo autor do traballo, pon de manifesto o pensamento heterodoxo de Newton e a súa interpretación do Apocalipse e a historia da Igrexa antiga. No traballo queda reflectido o pensamento de Newton sobre a historia da igrexa, que entendía como a historia dunha corrupción dogmática e política cuxa profecía se atopaba nas Escrituras.

ACTIVIDADES: Consulta esta ligazón e le o breve apartado de Teoloxía no que aparecen datos sobre a relixiosidade de Newton demostrada nos seus escritos e os problemas que tivo pola súa crenza no arrianismo e a súa doutrina sobre a Trindade, que lle ocasionaron graves dificultades de convivencia ao vivir precisamente no Trinity College de Londres: http://es.wikipedia.org/wiki/isaac_newton

2. «CLAUSTRA NOVA DA CATEDRAL DE OURENSE»

«A truncada elegancia do gótico en Galicia»

(La Voz, 11/6/2013) Ese é o título do volume 13 dos Cadernos Porta da Aira, que publica o Grupo Francisco de Moure. É o seu autor o profesor Eduardo Carrero Santamaría, da Universidade Autónoma de Barcelona. Ese espazo catedralicio non chegou a ser rematado na Idade Media. «Se se tivese terminado sería unha obra impresionante, cunha estrutura de tres alturas, ao redor de 20 metros de lonxitude cada galería ata a praza do Campo, que era o cemiterio de Santa María Nai. Formaría unha acrópole con patios espectacular», di Carrero. «Propor unha obra así tan megalómana, impediu levala a cabo por falta de diñeiro», conta o autor do libro, para quen aquel proxecto do século XIV era de tolos.

ACTIVIDADES: Verás unha serie de fotografías en Internet co título «Claustra Nova da Catedral de Ourense» e un libro para a vosa biblioteca de arte no teu centro.

3. A OBRA DE GAUDÍ

A Sagrada Familia seguirá sendo unha obra incompleta ata o 2026

(4/1/2014) Un congreso mundial analizará a vida e a obra de Antoni Gaudí. Os máximos expertos no arquitecto Antoni Gaudí, o único artista con oito obras declaradas patrimonio da humanidade, reuniranse o próximo outubro en Barcelona no I Congreso Mundial sobre a súa figura, no que se darán a coñecer os últimos achados sobre a súa vida e obra. A Sagrada Familia seguirá sendo unha obra incompleta ata o 2026. Ese ano, o templo de Antoni Gaudí lucirá no skyline barcelonés sen guindastres ao seu redor.

ACTIVIDADES. Así o afirma o actual construtor, Jordi Faulí, quen confía en culminar o proxecto arquitectónico 144 anos despois da colocación da primeira pedra. De momento, observa o seu impresionante percorrido de fotos e pica nos gráficos: lograrás unha excelente infomación. Internet: Imaxes do templo Sacra Familia de Gaudí.

4. CLÁSICO CONTEMPORÁNEO

As bondades da obra inacabada, do trazo primeiro

(La Voz, 16/2/2014) Fun ao estudo de Francisco Leiro para facer un par de fotos. Quedei tres horas. Estaba nacendo unha escultura. Máis ben un conxunto escultórico. Dúas figuras antropomórficas foxen dunha imaxe monstruosa: o chuchacabras. Unha escena entre folclórica e mitolóxica. A súa composición está inspirada nun gravado de Goya no que un touro salta ao tendido provocando unha estampida. Unha figura ameazante, dous personaxes en fuga. A fuga é un escorzo. O escorzo está no comezo do Renacemento e o Cristo de Mantegna é o seu paradigma. Leiro é un clásico.

(Vítor Mejuto)

ACTIVIDADES. O autor do texto, Vítor Mejuto, é un excelente fotógrafo profesional e comentarista de altura. ¿Que che suxiren as súas palabras sobre o que se sente ante unha obra inacabada?: « A todos os artistas lles adoitan sinalar as bondades da obra inacabada, do trazo primeiro. E todos reflexionan sobre os diferentes estadios que vive unha obra ata que está terminada».

5. CIDADE DA CULTURA

Feijoo cancela o Gaiás de Fraga

(La Voz, 1/2/2014) Acabouse. Cinco mil noites despois, Galicia esperta do soño de Fraga, do seu pesadelo. Feijoo termina co delirio do Gaiás. A primeira pedra do faraónico complexo, colocada en febreiro do 2001 sobre un monte nos arredores de Santiago, xa nunca atopará última. Tras dez meses de negociacións secretas, a Xunta alcanzou un acordo con Copasa, Acciona Infraestruturas e OHL para rescindir definitivamente os contratos de construción da parte da Cidade da Cultura aínda non levantada: dous edificios, sobre un global de seis, que foran encomendados no 2005 ás citadas compañías por 112.851.617 euros.

ACTIVIDADES: Como contrapartida, a Administración incluíu neses papeis unha cláusula en virtude da cal as sociedades referidas disporán dun prazo de dous anos para decidir se queren investir nas parcelas sobre as cales, en principio, ían construír un par de inmobles para a Xunta. Pero as propostas de investimento haberán de ser «coherentes coa estrutura arquitectónica exterior prevista» polo arquitecto Peter Eisenman e «adecuado aos fins» do Gaiás. ¿Tes algunha idea? ¿Coñeces o que xa existe? Moitos alumnos xa foron por alí.